Balseiro reclamará dende o Parlamento “débedas” do Goberno de Sánchez con Galicia en materia ferroviaria

por Redacción Galicia

O portavoz de Infraestruturas reivindicará na Cámara galega a chegada da alta velocidade a tódalas cidades da comunidade e a conexión con Portugal

O deputado e portavoz de Infraestruturas, José Manuel Balseiro, pon deberes ao novo Goberno de España en materia de infraestruturas ferroviarias a través dunha iniciativa que levará ao Pleno do Parlamento de Galicia a vindeira semana para reclamar “parte das débedas que ten o Goberno central que encabeza Pedro Sánchez con Galicia”.

Balseiro subliña que “a chegada do AVE a Ourense -aínda que con atraso- foi unha moi boa nova, pero é necesario seguir traballando e reivindicando porque, neste momento, aínda non chegou ao resto de cidades galegas”.

“O Goberno de Pedro Sánchez incumpre continuamente todas as datas para a chegada dos trens Avril. E as recentes declaracións do novo ministro que cualifica a demanda de Galicia para impulsar a alta velocidade ferroviaria como ‘carta aos reis Magos’ non dan moita esperanza”, engade.

Nese sentido, reivindicará dende o Parlamento aprobar unha proposta para esixir ao Goberno central dirixir a Galicia, con carácter de urxencia, dun mínimo de sete trens Avril para facer posible que chegue a alta velocidade ás cidades que poden recibila: Santiago, A Coruña, Pontevedra e Vigo”, explica.

Balseiro tamén incide na necesidade de mellorar as infraestruturas ferroviarias para facer posible, no menor tempo posible, a conexión das cidades de Lugo e Ferrol coa alta velocidade. Para iso é imprescindible “consignar partidas orzamentarias suficientes para executar as variantes dos Peares-Canaval e Rubián -para a conexión de Lugo- e executar o bay-pass de Betanzos -para conectar Ferrol-.

Igualmente, reclama ao Goberno de España que “aposte de forma decidida polo AVE con Portugal”. Balseiro considera “preocupante que non teña dado ningún paso a pesar de que levamos tempo urxindo a saída Sur de Vigo, o treito ata a fronteira co país veciños e a necesidade dunha nova conexión internacional sobre o Miño con Portugal; mentres que o Goberno luso está a demostrar que cumpre cos seus compromisos”.

Non desatender servizos convencionais

O portavoz de Infraestruturas engade que “apostar pola alta velocidade non pode implicar, en ningún caso, desatender os servizos ferroviarios convencionais”. E, polo tanto, defende “a recuperación das frecuencias suprimidas tras as pandemia, investimentos para a modernización das instalacións, dos trens e dos equipos rodantes, a ampliación da oferta de prazas e contar co persoal cualificado necesario”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario