O BNG lamenta que a Xunta esqueza A Pastoriza nos Orzamentos para 2024

por Redacción Lugo

A concelleira Elva Carrera sinalou que o goberno do PP na Xunta non destina nin un euro nos orzamentos da Xunta de Galiza para o concello de A Pastoriza

O BNG de A Pastoriza realizou unha valoración do proxecto de Orzamentos presentado pola Xunta de Galiza para 2024, que están na fase de tramitación no Parlamento Galego.

A través da concelleira Elva Carrera, o BNG sinalou que se trata duns orzamentos que «unha vez máis, esquecen as necesidades da Pastoriza e abandonan as infraestruturas e servizos básicos».

«O goberno amigo é castigado pola Xunta e tamén o fai cos veciños da Pastoriza porque non hai ningunha actuación prevista no Concello tras facer críticas ao anterior goberno dende a oposición, e todo o prometido polo actual equipo de goberno lévao o vento e queda en nada porque non se ve plasmado en ningunha partida orzamentaria: dende o Centro de Día, as depuradoras que tan criticadas foron sendo oposición, a ampliación do parque empresarial, as rotondas de acceso ao Colexio de Bretoña e xeriátrico ou o arranxo de estradas» declarou Carreira

En definitiva, «podemos ver que as reunións e fotos co delegado do goberno nas rotondas anunciando obras serviron unicamente de propaganda; así como a continua crítica ao funcionamento das depuradoras municipais, xa que seguen sen aparecer por ningún lado os recursos para ditas actuacións» afirma a concelleira

A concelleira nacionalista sinalou que «son os Orzamentos dun goberno que está no tempo de desconto e que nada ten que ofrecer a A Pastoriza nin a este País». Neste sentido, o BNG adiantou que aproveitará toda a tramitación parlamentaria para «presentar alegacións que recollan as necesidades de A Pastoriza que melloren no posible os orzamentos da Xunta para 2024, demostrando que o BNG ten un proxecto político no que a poboación de A Pastoriza conta.»

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario