A Xunta apoia a III Xornada de Degustación da Tenreira de Ancares, que se celebra o vindeiro sábado 11 de novembro no polideportivo do colexio de San Román de Cervantes
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu a presentación desta cita, coa participación do delegado territorial, Javier Arias, e representantes das entidades organizadoras: a Anpa do CPI de Cervantes, o CDR Ancares e a cooperativa A Carqueixa.
Arias apuntou que a Xunta colabora co financiamento desta iniciativa “para axudar a poñer en valor a extraordinaria calidade da carne dos Ancares” e para “dinamizar social e economicamente esta zona e atraer visitantes”, na mesma liña que outras actividades celebradas este mesmo ano na comarca e que tamén contaron co apoio do Goberno galego, como a III Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña ou a Ruta da Androlla 4×4.
A xornada do día 11 abrirá ás 11,00 horas e prolongarase durante todo o día. Ademais da degustación de tenreira, haberá feira de artesanía, actuacións musicais e un monólogo do actor cervantego Oswaldo Digón. Ademais, nesta edición será homenaxeado Manuel Méndez López (Manolo de Borzoado), un dos membros fundadores da cooperativa A Carqueixa.