Bernardo Fernández celebra o investimento de máis de 18,5 M€ do Goberno de España na educación en Galicia, “proba do seu compromiso co país”

por Redacción Galicia

O secretario xeral do PSdeG provincial da Coruña destaca que a cantidade servirá para crear miles de prazas en FP e Infantil, garantindo “o futuro de milleiros de nenos, nenas, mozos e mozas”

Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral do PSdeG-PSOE da provincia da Coruña, celebra o investimento de máis de 18,5 millóns de euros por parte do Goberno de España na educación pública de Galicia. “É unha proba máis do compromiso que o Goberno de Pedro Sánchez ten co noso país”, sinala.

Este investimento foi autorizado polo Consello de Ministros, a través do cal Galicia recibirá máis de 10,5 millóns de euros para crear 5.613 prazas de Formación Profesional, 7 millóns para crear 1.139 prazas de Educación Infantil gratuita, 852.638 euros para a escolarización de rapazada desprazada pola Guerra de Ucraína ou para o programa Código Escuela 4.0.

Fernández Piñeiro considera que a creación das novas prazas “serve para garantir a formación e o futuro de milleiros de mozos e mozas de Galicia”.

“Vemos á Xunta de Galicia vender a gratuídade da Educación Infantil como se fose sufragada unicamente por eles, esquecendo de xeito vergoñento a aportación do Estado e sobre todo dos Concellos, superior en moitos casos á da Xunta”, critica o tamén alcalde de Pontedeume. “Reclamámoslle un pouco máis de respecto polos municipios, aínda que estamos acostumados ao seu maltrato”, engade.

“Vimos isto tamén, recentemente, co anuncio do señor Rueda da axuda ás familias para coidar persoas dependentes, cando nos nega aos concellos os recursos suficientes para poder prestar ese servizo, lastrando as economías municipais”, explica Fernández Piñeiro.

“Rueda só fala do Estado para confrontar, nunca para poñer en valor os recursos que este achega, e grazas aos cales financia moitas das medidas que logo vende como froito da súa xestión”, critica o socialista.

O secretario xeral provincial afirma que “a partir do ano que vén, poderemos ter tamén en Galicia, con José Ramón Gómez Besteiro, un Goberno que se preocupe pola educación e o porvir das novas xeracións de galegos e galegas, e que traballe man a man e sobre todo con lealdade co resto de administración públicas, incluído o executivo de Pedro Sánchez do que Rueda renega a pesares de ter sido o goberno máis inversor da historia para Galicia”. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario