Rueda pon en valor o compromiso da Xunta coa protección do patrimonio cultural

por Redacción Galicia

Asegura que os bens culturais son “historia e recordos” que configuran “a identidade dos pobos”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o compromiso do Goberno autonómico coa protección do patrimonio cultural no que se levan investidos máis de 55 millóns de euros nos últimos cinco anos. “O patrimonio é historia, pero tamén recordos e identidade dos pobos. O noso deber é conservalo, protexelo e saber legalo aos que virán detrás”, salientou durante a súa intervención no Congreso Hispania Nostra ‘O patrimonio, unha responsabilidade compartida’, que se celebra en Santiago.

Rueda asegurou que o patrimonio “é pasado, é presente, pero sobre todo é futuro” e destacou que manter en perfecto estado os bens dun territorio é algo que impulsa o sentimento de “identidade e orgullo” do pobo á vez que pode xerar “beneficios socioeconómicos” na contorna. E puxo como exemplo o Camiño de Santiago. “Desde o punto de vista patrimonial, o Camiño é falar da historia da humanidade, de explicar como se construíu Europa”, destacou.

Tras asegurar que a conservación do patrimonio é unha responsabilidade ineludible á que debe contribuír toda a sociedade -administracións, empresas e cidadanía-, lembrou que a Xunta segue a reforza o seu compromiso pola protección do patrimonio ao aumentar nun 7% a partida destinada a esta cuestión nos orzamentos de 2024 ata chegar aos 10,4 millóns de euros.

Ademais, durante a súa intervención tamén fixo fincapé no labor realizado nos últimos anos na Ribeira Sacra co obxectivo de impulsar a súa candidatura ao recoñecemento de Patrimonio da Humanidade da Unesco. A Xunta leva investidos 7,2 millóns de euros en poñer en valor os bens de esta zona co que logrouse “crear unha identidade colectiva, un sentimento de orgullo por un patrimonio que é de todos” cara un recoñecemento “que nos vai situar no mapa e que traerá beneficios socioeconómicos” para a contorna.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario