Besteiro sinala que “os desafíos de Vigo son tamén os desafíos de Galicia”

por Redacción Vigo

O candidato do PSdeG pídelle á Xunta que “tomen nota” e aplique as mesmas rebaixas das tarifas nas autoestradas autonómicas como a AG-57

José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, sinalou este venres que “os desafíos de Vigo son tamén os desafíos de Galicia” e puxo en valor o aumento nas bonificacións das peaxes da AP-9 por parte do futuro goberno de Pedro Sánchez que serven “para unir Galicia, a través dos seus 220 km dende Ferrol ata a fronteira con Portugal”.

Nun acto xunto ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, Besteiro remarcou a importancia de comprender que os problemas e desafíos da cidade olívica son igualmente asuntos que deben involucrar a toda Galicia, xa que entende que a Xunta non o fixo así durante os últimos 14 anos de gobernos de Feijóo e Rueda.

O socialista ve como un claro exemplo da falta de apoio a Vigo as “inxustas e desproporcionadas” peaxes da AP-9 “que nos impuxo o Partido Popular ata o 2048” da man do ex-presidente Aznar. Por elo, puxo en valor a ampliación das bonificacións nas tarifas anunciadas polo PSOE de cara ao 2024, coa que se bonificará ata o 75% do custe das mesmas, que xunto ás da AP-53 que “conecta a Galicia interior” suporá un investimento do Estado de arredor de 83 millóns de euros nos orzamentos do vindeiro ano.

Considera que este “camiño cara a gratuidade” trazado polos socialistas, que o propio Besteiro lembra que “apuntábamos e defendíamos” dende hai anos, é “o que realmente lles preocupa” ás familias e ao sector do transporte que completan ata 100 millóns de tránsitos anuais por esta autoestrada. Por elo, asegurou que seguen traballando “nesa liña de de axudar dende a política ás persoas, nós traballamos para as persoas e para a inmensa maioría”, alegou.

Así mesmo, Gómez Besteiro afirmou que “é un orgullo formar parte dun proxecto que une Galicia e que comparte os desafíos de Vigo, que son os verdadeiros desafíos tamén de Galicia”. Respecto da confirmación dos apoios suficientes para que Pedro Sánchez sexa investido presidente do goberno co respaldo da maioría da Cámara baixa, sinalou que “hoxe é un día marabilloso, onde concretamos tamén todo ese traballo” e adiantou “que as vindeiras semanas serán felices para Galicia e tamén para Vigo”.

“Que a Xunta tome nota”

Non se esqueceu da Xunta de Galicia, a quen tamén puxo deberes e dixo directamente que “tomen nota da liberación das peaxes” e o aplique nas autoestradas que son competencia autonómica, “que aquí ben cerca o poden facer coa AG-57”, esencial para a conexión co Val Miñor.

Besteiro presidente: “Sería marabilloso para Vigo”

Abel Caballero fixo un breve relato da situación en Vigo que durante os últimos 17 anos cambiou radicalmente, sendo un gran exemplo a estación intermodal e o centro comercial de Vialia e a súa contorna “onde antes había un burato negro”, “este é o cambio que estamos facendo en Vigo”, que se impulsou durante os gobernos socialistas de Zapatero e Pedro Sánchez, pero foi paralizado polo goberno do pontevedrés Rajoy.

Apuntou ás diferencias no apoio á cidade “Xunta de Galicia fondos europeos para Vigo: 0. Goberno de Pedro Sánchez, fondos europeos para Vigo: 100 millóns”. “Que non houbera pasado con Vigo se o presidente da Xunta de Galicia atendera esta cidade”, xa que, asegurou o alcalde, que “a Xunta non só non impulsa Vigo, senón que a frea”,

Caballero sinalou “como alcalde” que “sería marabilloso” ter a Besteiro como presidente da Xunta, porque considera que “trataría a Vigo como se merece” unha cidade na que viven máis de 300.000 persoas.

Xunto a Besteiro e Caballero, tamén participaron no acto a senadora Carmela Silva, o secretario xeral na provincia de Pontevedra, David Regades, así como o alcalde de Nigrán, Juan González, e o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, entre outros representantes institucionais e do partido.

Comparte éste artículo
1 Comment