Rayo Cayetano. Por @DulceCorcu

por Dulce Corcu

Podería ser perfectamente un novo equipo de fútbol de Madrid, esa cidade libre e segura onde as cañas teñen un sabor especial a bote de fume ou disparos de sicario nas rúas máis caras da capital. Non se salva nin o rei Felipe VI, acusado de roxo e brando por non entrometerse na democracia e permitir aos grupos políticos que sigan o curso das negociacións para investir presidente a quen consiga máis apoios, como así dita esa Constitución agora inimiga dos seareiros da bancada ultra, que van perdendo o partido e ven que a prórroga non vai chegar aos penaltis.

Dá gusto velos co seu traxe de faena, pantalón chino claro, zapatillas brancas de marca, sudadoiro por debaixo do plumas e corte de pelo indistinguible un dos outros. E por suposto, a actitude. O puto defender España de políticos que nin sequera teñen unha bandeira co aguilucho franquista no despacho. Ousexa, xente da que desconfiar, moi perigosa, que non pon brazo en alto para saudar e considera aos moros e os gais, normais. Incrible que teñan que deixar os seus confortables «lofts» para chorar ante a Policía, eses incondicionais amigos que non dubidaron en sacar a porra cando pasaron dos cariñosos epítetos contra o rei, o goberno e os cataláns ao lanzamento de obxectos e a agredir xornalistas. Porque o de «que te vote Txapote» xa perdera eficacia, hai que pasar á acción antes de que España se rompa, que esta vez si que vai en serio, palabriña do neno Borja Alonso María. Mentres, o mundo segue xirando no século XXI, ese no que «maricón» xa é un insulto só en boca de ignorantes e acomplexados, ao igual que as esvásticas e as consignas decadentes que niñatos sen un gramo de historia nas súas veas corean alegres coma se fose o catecismo na parroquia de nosa señora de Covadonga. Nuns días todos volverán aos seus quefaceres cotiás, aos colexios de pago con másteres onde firmará unha secretaria dando conta do esforzo académico, e que posteriormente servirá para engordar algún currículum se acaso hai que meterse en política. Que España ben vale unha misa. Perdón, unha carreira….Aínda que sexa -sen que serva de precedente- diante dos antidisturbios.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario