No pasado mes, entre chegadas e saídas, Alvedro rexistrou 112.538 persoas viaxeiras. A alcaldesa, Inés Rey, destacou o impacto que supuxo para a cidade a acollida de eventos internacionais como a feira musical WOMEX e a realización de distintos congresos
A alcaldesa, Inés Rey, valorou “moi positivamente” o último informe mensual de AENA coas estatísticas de tráfico aéreo no aeroporto de Alvedro, que en outubro contabilizou 112.538 viaxeiros/as e, desta forma, superou o millón de persoas pasaxeiras con respecto ao acumulado anual deste 2023 (1.054.417 en total).
Isto supón, na práctica, que Alvedro é, con respecto ao ano pasado, o aeroporto galego cun incremento máis elevado de viaxeiros/as para o período entre xaneiro e outubro de 2023, un 35,6% en comparación co 23,7% rexistrado en Peinador (Vigo) e o 10,5% de Lavacolla (Santiago de Compostela).
Ademais, Alvedro tamén foi o aeroporto de Galicia con mellores cifras no referente ao balance específico do mes anterior en comparación con outubro de 2022: o incremento de pasaxeiros/as foi dun 13%, por riba do 9,9% de Peinador e o 1,3% de Lavacolla.
A rexedora subliñou que “Alvedro segue a dar pasos adiante como aeroporto de referencia no noroeste de España”, e apuntou ao impacto de grandes eventos como o WOMEX, a maior feira musical internacional, que se realizou a finais de outubro na Coruña e na que tomaron parte 2.750 profesionais de 105 países en representación de 1.385 compañías.
A acollida do WOMEX, destacou Inés Rey, “deu continuidade á aposta do Concello pola realización de grandes eventos na cidade e, en concreto, ao posicionamento da Coruña como receptora do turismo MICE”, segmento orientado a reunións e congresos, “fundamental para paliar a estacionalidade da actividade turística”. Ao abeiro desta estratexia, A Coruña recibiu a inicios do mes pasado case 2.000 persoas que acudiron ao 40.º Seminario de Enxeñaría Hospitalaria.
Ademais, Rey lembrou o impacto que supuxo a ampliación, este mesmo ano, do mapa de conexións aéreas internacionais desde Alvedro, que en marzo incorporou Milán-Malpensa aos destinos europeos dispoñibles —con EasyJet como operadora—, sumándose así ás cidades de Xenebra (Suíza) e Londres (Reino Unido).
En outubro, 1.200 atencións nas oficinas de Turismo do CIAV e María Pita
O pulo do turismo internacional na cidade tamén se ve reflectido no último informe estatístico do rexistro de visitantes nas dúas Oficinas de Turismo habilitadas na Coruña: a do Centro de Interpretación e Atención ás persoas Visitantes (CIAV) da Torre de Hércules e a de María Pita. Entre os días 1 e 31 de outubro, contabilizáronse 4.058 persoas, das que 2.971 pasaron pola Oficina de Turismo do CIAV e 1.087 pola Oficina de Turismo de María Pita.
Neste sentido, leváronse a cabo un total de 1.276 procedementos de atención. Na meirande parte dos casos, para facilitar planos e información xeral ás e aos viaxeiros, así como información específica sobre os monumentos da cidade.
O interese do turismo europeo pola cidade
Indo ao detalle polo miúdo, Inés Rey destacou as gráficas de distribución das persoas visitantes ás Oficinas de Turismo da Coruña pola súa procedencia, que amosan unha elevada porcentaxe de viaxeiros internacionais, xeralmente de países europeos.
No caso de María Pita, 1.751 persoas (un 59,07% do total) procedentes, principalmente, de países como Reino Unido, Alemaña, Estados Unidos e Italia.
Por outra banda, e atendendo ás cifras específicas da Oficina de Turismo do CIAV, a porcentaxe de viaxeiros/as internacionais que pasaron polas súas dependencias no mes de outubro é aínda superior: 82,34 % (895 persoas), procedentes, na maioría de casos, do Reino Unido, A China, Francia, os Estados Unidos e Alemaña.