Presentan en Redondela unha exposición itinerante sobre o desastre ambiental do Prestige

por Redacción Galicia

HaI 21 anos, un funesto 13 de novembro de 2002, produciuse o maior desastre ecolóxico da historia de Galicia. Unha terrible noite de temporal, o petroleiro monocasco Prestige sufriu unha vía de auga cando navegaba a 28 millas (52 km) do cabo Fisterra. As autoridades españolas comezaron un rocambolesco periplo remolcando o barco ata que se partiu en dous o día 19 de novembro.

Como consecuencia diso, chegaron ás nosas costas varias decenas de miles de toneladas de fuel oil (chapapote), que logo se estenderon por toda a costa cantábrica e o sul de Francia, producindo unha das maiores mareas negras da historia. As ondas de fuel e morte bateron contra os cantís da Costa da Morte, contra as Illas Cíes e Ons, contra as enormes e solitarias praias desde A Lanzada ata Nemiña. 

Ante a incompetencia e a falta de medios da Xunta e o Goberno central, centos de mariñeiros lanzáronse a defender as rías, pescando coas súas redes e as súas propias mans o chapapote. A sociedade civil autoorganizada, as confrarías de pescadores, as mariscadoras, as asociacións, foron as que deron resposta á catástrofe ante a incomparecencia das autoridades. 

Xerouse tamén unha onda de solidariedade en todo o Estado e en moitos países, acudindo miles de persoas voluntarias: unha marea branca fronte á marea negra, para limpar de chapapote as costas galegas, traballando durante varios meses. Foron días de bágoas e dor, de mentiras e rabia que espertaron no pobo galego unha onda de indignación que asolagou a praza do Obradoiro seis veces na histórica manifestación do 1 de decembro de 2002. 

200.000 paraugas repetiron como un eco a frase máxica ‘Nunca Máis’. Orgullo e dignidade, vestidas de negro e azul, dun pobo que gritaba ‘basta’ á burla negra de desastres ecolóxicos que periodicamente azoutaban as costas galegas. Polycommander, Urquiola, Andros Patria, Casón, Mar Exeo, a lista da infamia, nomes cravados na nosa memoria colectiva como o chapapote nas rocas. Oito dos trece maiores accidentes con verteduras de petróleo no últimas seis décadas producíronse nas costas de Galicia. 

A mobilización da sociedade galega, articulada na ampla plataforma Nunca Máis chegou ata a Porta do Sol, cunha enorme marcha cara a Madrid para esixir xustiza, respecto e reparación: Fartos dos ‘hilillos de plastilina’ e as ‘praias espléndidas.

O Goberno e a Xunta tentaban minimizar o alcance da traxedia para ocultar a súa pésima xestión. A realidade, que lles azoutaba na cara, era a absoluta carencia de recursos e medios, a súa total incompetencia para acometer a protección e limpeza das zonas contaminadas. Esa vaga movilizadora abarcou moito máis alá do movemento ecoloxista, asolagando centros de ensino, centros de traballo, cada porto e cada balcón producindo un auténtico sismo que espertou a nosa conciencia como pobo e devolveunos a dignidade. 

20 anos despois os efectos da vertedura do Prestige aínda están presentes na Costa da Morte, podéndose observar aínda a primeira ollada. Aínda queda chapapote baixo a area. Atopámonos ante outra proba máis de como, cando se produce un gran desastre ecolóxico, os seus efectos perduran durante anos ou mesmo décadas. Por iso, é necesario que se adopten por parte das autoridades todas as medidas necesarias para evitar que se volvan a producir este tipo de accidentes. 

Convén lembrar que o 70% do transporte marítimo europeo pasa fronte a Galicia, uns 40.000 barcos ao ano, e aproximadamente un de cada tres (38 ao día) transporta mercadorías perigosas, ademais do seu combustible. Lembremos o accidente do quimiquero Blue Star na Ría de Ares o ano pasado. 

Ecoloxistas en Acción coa produción dunha exposición itinerante quere que non caia no esquecemento todo o sucedido no maior desastre ambiental que ennegreció a costa galega. Unha exposición que comeza o seu periplo este 13 de novembro na praza do Concello de Redondela e recorrerá distintos concellos da xeografía galega. En Redondela, coa colaboración do colectivo Arte Lixo, celebrarse o xoves 26, na Casa da Cultura, unha mesa redonda sobre o desastre causado polo afundemento do petroleiro, que irá precedida da proxección do documental Alegría!.

Mediante os 9 paneis informativos que conforman a exposición, a organización ecoloxista quere lembrar que é necesario mellorar a coordinación de medios operativos permanentes e unidades de vixilancia marítima, así como o aumento da cantidade e calidade das inspeccións dos buques que atracan no litoral de Galicia. Que hai pequenos Prestige diarios, en forma de sentinazos. Que temos tamén que romper con este modelo dependente do petróleo, cuxas desgraciadas consecuencias para o planeta coñecemos. Pero, sobre todo, lembrar a onda de sólidaridad, a marea branca que suplindo a carencia de medios coa forza da ilusión foi quen de enfrontarse a gran mancha negra mentres o Goberno, ausente, seguía negando a súa existencia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario