Inclúe un plan preventivo individualizado con recomendacións de alimentación e estilos de vida saudables
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou hoxe un novo modelo de asistencia ás persoas con diabetes mellitus tipo 2, que inclúe un plan preventivo individualizado con recomendacións de alimentación e estilos de vida saudables. O documento é froito do traballo dun grupo de profesionais do sistema sanitario galego, coordinados dende a Subdirección Xeral de Atención Primaria do Sergas, aos que o titular da carteira sanitaria agradeceulles o seu labor.
Tal e como puxo en valor o conselleiro, este proceso asistencial integrado, que actualiza o de 2015, súmase aos catro que o seu departamento presentou este ano, que son o de déficit Alfa 1 Antitripsina; o de Epoc; o da enfermidade inflamatoria intestinal; e o da enfermidade renal crónica.
No acto, no que o conselleiro estivo acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal Viñas; e polo xerente da área sanitaria da Coruña, Luis Verde Remeseiro, o máximo responsable da sanidade pública galega incidiu e que o proceso hoxe presentando recolle todas as fases de atención á diabetes mellitus tipo 2. De feito, “esta atención non só debe ir dirixida ao tratamento, senón, tamén, á detección precoz”. Deste xeito, -remarcou o conselleiro-, “poderemos atallar as complicacións que poden aparecer coa evolución da enfermidade”.
Plan individualizado
Tal e como detallou Comesaña, a alimentación é un elemento esencial, tanto na prevención como no control desta enfermidade “e queremos proporcionarlle a estas persoas un asesoramento nutricional individualizado continuo”. Para iso, “tense en conta a súa historia clínica e dietética, así como os seus coñecementos e o acceso a alimentos saudables, ademais da súa motivación ao cambio”.
Unha vez determinadas as necesidades asistenciais da persoa, os seus coñecementos e habilidades na práctica de estilos de vida saudable e recursos, o conselleiro explicou que se elabora un plan de atención individualizado, no que se inclúen obxectivos consensuados entre o profesional e a persoa con esta patoloxía, de tal modo que, ademais dunha dieta personalizada, “inclúense ferramentas como o exercicio físico adaptado ás diferentes situacións”.
Trátase, por tanto, -proseguiu Comesaña-, “dun proceso que se centra na persoa e non na enfermidade”, posto que, a pesar de que existe un seguimento por parte dos profesionais, o Sergas busca a corresponsabilización das persoas coa enfermidade, asumindo o autocoidado e a realización de exercicio físico como obxectivos propios.
Outra das cousas que destacou o conselleiro deste proceso integral é o carácter multidisciplinar e a visión integradora do sistema sanitario galego, “ao definir as actividades sanitarias a realizar, así como os perfís profesionais de referencia, ademais de reforzar a importancia da promoción da saúde desde a atención primaria”.
Para rematar a súa intervención, o responsable do Sergas subliñou que con iniciativas como a de hoxe, o seu departamento “quere consolidar un modelo de verdadeira atención integral, de coordinación e de continuidade asistencial”.