A folla de ruta para as vindeiras semanas contempla a ampliación do ramal de subida da AC-10 a Eirís, así como o pavimentado do novo aparcadoiro público próximo a Sebastián Martínez Risco, con 28 prazas
A alcaldesa, Inés Rey, supervisou esta mañá as obras de urbanización que está a executar o Concello da Coruña no barrio de Xuxán, unha intervención sufragada con máis de 11 millóns de euros e que encara a súa recta final, tras iniciarse os traballos en xaneiro do ano pasado.
Neste sentido, a rexedora avanzou a “próxima apertura” da nova praza central do barrio, un espazo cunha superficie de 12.500 metros cadrados que conta cunha grande explanada “idónea para a programación de eventos públicos”, así como unha área de xogos infantís onde xa se habilitou un tobogán de seis metros de altura, unha tirolesa e unha gran pérgola.
“O obxectivo”, continuou Rey, “é que a praza estea aberta e á disposición da cidadanía antes das festas de Nadal”. A este respecto, xa remataron os traballos asociados á posta en servizo da iluminación pública. Tamén concluiron as obras de pavimentado e xardinaxe, polo que só resta por dispoñer o mobiliario urbano —en trámites de recepción— para completar esta intervención e deixar a praza plenamente operativa para os veciños.
Na visita á praza, a alcaldesa estivo acompañada polo concelleiro da área de Economía e Planificación Urbana e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, así como polo concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego.
O estado actual das conexións entre Xuxán e Matogrande
Avanzan tamén as obras para dar forma ao novo enlace, en forma de ‘U’, que permitirá o paso de peóns, ciclistas e vehículos desde a rúa Juan Díaz Porlier cara á nova praza central de Xuxán.
A intervención, que comezou a inicios de outubro, continuará a vindeira semana con traballos nocturnos, que implicarán a montaxe das pezas prefabricadas para dispoñer os piares en ambos os lados, os de Xuxán e Matogrande. “Tamén se está a coordinar con ADIF cando acometer a instalación das vigas. Para isto é preciso que ADIF facilite cortes de vía en horario nocturno. Estamos traballando para avanzar isto o antes posible”, dixo Rey.
Os seguintes pasos no falso túnel: impermeabilización e recheo
Ademais do paso en ‘U’ con Juan Díaz Porlier, o Concello tamén está a construír un falso túnel de 70 metros de lonxitude sobre as vías férreas, que na súa superficie será unha gran zona verde e incluirá unha senda peonil que facilitará o paso de viandantes e ciclistas entre ambos os barrios.
Este falso túnel cobre un tramo da vía do ferrocarril e permite tamén a unión, peonil e ciclable, os dous barrios. Unha vez que se completen os traballos, será posible ir a pé ou en VMP entre as rúas Sebastián Martínez Risco —en Matogrande—, A Canteira, Cernadas e Longarela —en Xuxán— e a propia avenida de Xuxán a través dun novo espazo axardinado.
A alcaldesa detallou hoxe en que punto está a intervención. O seguinte paso “implica traballos de impermeabilización e recheo. Para isto é necesario que se encadeen varios días sen choiva, exactamente igual que para darlle forma ao firme de formigón da rúa paralela á vía do ferrocarril”, expuxo Rey durante o percorrido polo barrio.
Entre as novas infraestruturas, un aparcadoiro con 28 prazas
En paralelo á construción destas dúas novas conexións, tamén continúan as obras necesarias para a dotación de servizos urbanos (redes de saneamento) e para a creación de novas infraestruturas compartidas entre Xuxán, Matogrande e Eirís.
A folla de ruta prevista de cara aos vindeiros días inclúe traballos para a ampliación do ramal de subida da AC-10 a Eirís, así como melloras na propia glorieta de Eirís. Tamén se prevé acometer proximamente a pavimentación da vía paralela ao ferrocarril —susceptible de incluír un treito de carril bici—.
Ademais, tamén se rematarán proximamente as obras de pavimentación no novo aparcadoiro próximo ao centro educativo Liceo La Paz, non moi lonxe do falso túnel, que dotará a zona próxima á rúa Sebastián Martínez Risco de 28 novas prazas para o estacionamento de vehículos.