Na xornada de hoxe, o Comité de Folga reuniuse cos representantes de todos os comités de empresa dos parques de bombeiros comarcais para organizar as tarefas de seguridade da manifestación do vindeiro día 17 en Compostela e para elaborar a orde do día da asemblea de traballadores que terá lugar o día 20 no edificio CERSIA, tamén en Santiago.
Aproveitando que a reunión tiña lugar nos edificios de SINDICATOS, e que do outro lado da rúa, no palacio de congresos, estaba a ter lugar a XI Asemblea da FEGAMP, os bombeiros alí destacados achegáronse a falar cos alcaldes que se interesaron pola súa situación. Logo das mostras de apoio os traballadores continuaron coa súa reunión preparatoria, advertindo que con toda probabilidade, a partir do día 20, se Xunta e Deputacións non dan mostras de retomar o diálogo, as medidas de presión sindical terán que subir a un grao máis preocupante.