O equipo “th3_n00bs”, formado por Pedro Fernández-Arruti, Rubén Pérez, Martiño Rivera-Dourado, Olalla Rama e Manuel Orois, alumnos da Facultade de Informática da Universidade da Coruña xa titulados, veñen de acadar o terceiro premio na categoría amateur da V National Cyber League da Garda Civil, unha competición cibernética dirixida ao estudantado universitario e de Formación Profesional que ten como obxectivo a promoción dos novos talentos en materia de ciberseguridade.
A competición, organizada pola Garda Civil e que conta coas modalidades individual e por equipos, consistiu na resolución dunha serie de retos de ciberseguridade propostos por expertos na materia de toda España en distintos ámbitos, como o técnico, o legal ou a comunicación, a través da simulación de situacións reais.
Na actualidade, Olalla Rama, Manuel Orois e Pedro Fernández-Arruti están inseridos no mundo laboral, e Rubén Pérez e Martiño Ribera-Dourado cursan o doutoramento no grupo Redes de Neuronas Artificiais e Sistemas Adaptativos-Imaxe Médica e Diagnóstico Radiolóxico (RNASA_IMEDIR), asociados ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Informacion e as Comunicacións da Universidade da Coruña (CITIC).
Os estudantes do grupo da UDC levan participando nesta liga desde a primeira edición, na que conseguiron ser finalistas o ano pasado, entrando no podium de gañadores este ano co seu terceiro posto. Despois de ter superadas a fase clasificatoria e a semifinal, que foron de xeito telemático, un total de 16 equipos de 24 universidades e centros de formación profesional enfrontáronse aos diferentes retos da final, celebrada na Escola de Oficiais da Garda Civil en Aranjuez.
O grupo da UDC acadou o terceiro premio na súa modalidade, superando aos máis de mil estudandes e titulados de educación superior de toda España que participaron nesta edición. O premio obtido consistiu, ademais do galardón, nunha medalla da Garda Civil e equipamentos informáticos para todas as persoas do equipo, que foron ordenadores portátiles e teléfonos intelixentes.