Besteiro defende un modelo enerxético sustentable, «que mire polo país» e que garanta os investimentos

por Redacción Galicia

José Ramón Gómez Besteiro, candidato socialista á presidencia da Xunta, defendeu este venres o impulso dun modelo enerxético sustentable, “que mire polo país” e garanta os investimentos en Galicia.

Besteiro, xunto ao secretario xeral do PSdeG, Valentín G. Formoso, e o eurodeputado galego, Nicolás González Casares, mantivo un encontro coa Mesa para o Desenvolvemento Renovable e Industrial de Galicia da que forman parte os principais representantes do sector das enerxías verdes na comunidade autónoma, para abordar os retos actuais e futuros que afrontan neste ámbito.

O candidato do PSdeG remarcou que “o Partido Socialista é o promotor das enerxías renovables no noso país”, xa dende o inicio da instalación das mesmas, e sinalou que estas son vitais para o “obxectivo de reindustrializar” Galicia. Asegurou que as condicións naturais do territorio son “unha gran riqueza que temos que saber aproveitar”.

SEGURIDADE XURÍDICA

Para lograr este obxectivo, considera esencial que se ofreza un “marco estable de confianza e seguridade xurídica” como fai o PSdeG, “fronte a un PP que durante os últimos anos estivo instalado na paralización constante, en poñerlle freos ás renovables que son o futuro que nos marca Europa, na produción de enerxía eléctrica para desenvolver procesos industriais, para xerar máis mao de obra e atraer máis inversión ao noso país”, apuntou o socialista.

Besteiro tamén criticou que o PP acudira a “invencións de última hora” que están sen definir como a empresa pública para participar nos proxectos enerxéticos que Rueda anunciou hai oito meses e da que non hai máis noticias dende ese momento.

PACTO EÓLICO DO PSdeG

Contrapuxo isto co modelo do PSdeG, exposto no Pacto Eólico “onde están implicados axentes do territorio, comunidades locais, axentes sociais, o propio partido e as organizacións que se adican á produción de enerxías renovables”, lembrou o líder socialista.

O deputado lucense resaltou que este acordo está “baseado nese compromiso, primeiro co medio ambiente e segundo coa zonificación e coa produción de enerxía en Galicia”. Ademais apuntou que no mesmo se marca “impulsar ese desenvolvemento que nos leve a que a Xunta de Galicia actúe como ente público, sexa capaz de intervir en cada un dos procesos de concesións de nova dimensión na materia eléctrica”.

BENEFICIOS QUE REVERTAN NA ECONOMÍA

Conta no mesmo, coa previsión de “introducir nese marco ás entidades locais, aos concellos e outras organizacións”, sendo que “á hora das novas concesións, a administración estea presente” para decidir á hora da produción e os beneficios resultantes revertan nas arcas públicas para todos os galegos e galegas. Saúdos, Comunicación

Comparte éste artículo
1 Comment