Mesa redonda: O 5º contedor do lixo vai mellorar a xestión do lixo na Coruña?

por Redacción A Coruña

Este é o primeiro acto público que organiza a plataforma pola reciclaxe “Nostián con futuro” na que están integrados máis de 10 colectivos veciñais, ecoloxistas e sindicais, entre eles ADEGA

O próximo luns día 20 ás 19h terá lugar unha mesa redonda no Circo de Artesáns da Coruña (rúa San Andrés, nº 36) sobre o sistema de xestión de lixo e a implantación do 5º contedor. Coincidindo coa Semana europea de Prevención de Residuos terá lugar este acto no que participarán tanto representantes dos tres grupos municipais do Concello da Coruña, do Consorcio das Mariñas, do Comité de empresa, como de membros dos colectivos veciñais e ecoloxistas que conforman a plataforma.

A mesa estará formada por: Noemí Díaz (grupo municipal do PSOE), Francisco Jorquera (grupo municipal do BNG), Jose Ramón Amado (grupo municipal do PP), José Antonio Santiso (Presidente do Consorcio das Mariñas), Hadrián Canosa (presidente do comité de empresa de Nostián), Manuel Soto (vogal de residuos de ADEGA) e un representante da AVV do Agra do Orzán. Co fin de que o uso da palabra nesta mesa redonda sexa equitativo a moderadora do debate será a xornalista Sara Vazquez. No acto tamén poderá intervir o público para realizar preguntas aos participantes.

Plataforma pola Reciclaxe: “Nostián con Futuro”

A Plataforma pola reciclaxe: “Nostián con Futuro” é unha entidade que nace coa idea de defender o modelo comarcal de xestión de lixo que existe na Coruña. Este colectivo, que está en proceso de constitución, recolle o malestar xerado entre a veciñanza polo anuncio da implantación do contedor de envases de plástico, que sería o 5º contedor que se situaría nas rúas da comarca. Hai zonas da cidade da Coruña onde xa existen problemas para posicionar axeitadamente os 4 contedores actuais, polo que un contedor máis vai acrecentar estes problemas.

Igualmente, cos datos dos que dispón ADEGA, co sistema actual de recollida de lixo na planta de Nostián recupéranse 30 kg de residuos de envases por habitante, fronte aos 7,7 kg da planta de SOGAMA, na que xa leva anos implantado o contedor de envases. Con estes datos, non parece que implantación do 5º contedor vaia a servir para mellorar a eficiencia da reciclaxe en Nostián, ademais, esta medida vaia a supoñer o abandono do modelo húmido-seco propio da comarca coruñesa e As Mariñas.

Todas estas dúbidas e moitas máis, son as que levaron á constitución da Plataforma pola reciclaxe: “Nostián con Futuro”. Unha entidade que nace coa idea de defender este modelo de xestión de lixo único en Galiza e que está a ser promulgada por ADEGA. As máis de 10 entidades veciñais e ecoloxistas que conforman este colectivo, agardan que sexan respondidas algunhas destas dúbidas na mesa redonda, e animan a que todos os veciños da Coruña e Comarca a que participen neste acto.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario