- O Goberno Municipal debe escoitar as demandas da hostalaría compostelá coma un dos principais motores económicos da cidade e debe subsanar as lecturas erróneas da realidade.
- Cómpre revogar a Instrución 2/2023 e actuar con dilixencia na reapertura dos de locais pechados.
- O Goberno Municipal debe velar por que o Departamento de Disciplina Urbanística actúe seguindo criterios racionais e sensatos, aplicando a lexislación vixente, corrixindo interpretacións restritivas e unha filosofía sempre lesiva para os negocios e establecementos, amais de priorizar o traballo dun Departamento con serias dificultades de execución, chegando a ter expedientes abertos e sen resolver durante máis de dous anos.
- As declaracións da oposición son acertadas, xa que recollen unha criminalización do noso sector en base a un estado de alarma creado para xustificar actuacións que non se corresponden co obxectivo que din procurar.
- A hostalaría de Compostela é segura e un exemplo para o conxunto do país. Quedaron atrás no tempo actuacións que puideron causar problemas reais de convivencia.
- As desafortunadas declaracións realizadas á prensa por Iago Lestegás non contribúen a crear o clima propicio para unha solución axeitada. Semella que non leu a Instrución e que descoñece a situación do sector. O concelleiro de Urbanismo ten que deixar de alimentar artificialmente o alarmismo social e pór solución ao colapso de licenzas que acumula o Departamento.
- A hostalaría unida de Compostela, alén de reclamarmos a inmediata convocatoria da Mesa Sectorial, solicitará unha reunión coas direccións das catro forzas políticas con representación municipal.