Un escrito rexistrado por unha asociación o 18 de outubro non foi recibido nos sistemas do Concello ata o 13 de novembro
A concelleira da área de Participación e Servizos á veciñanza, Cristina López, reclamou ao Goberno do Estado unha maior axilidade á hora de distribuír as comunicacións achegadas ao Rexistro Xeral do Estado. Segundo afirmou a edil de Participación, «unha gran parte da veciñanza decide utilizar este rexistro, mais se funciona con retraso, o Concello de Lugo non pode atender ás peticións das veciñas e veciños de xeito correcto».
Un escrito rexistrado por unha asociación veciñal a través do Rexistro Xeral do Estado o pasado 18 de outubro non foi recibido no Rexistro Municipal ata o 13 de novembro. «Un retraso na distribución do escrito que non fixo máis que impedirnos atender á veciñanza de xeito correcto», explicou a edil de Participación.
Cristina López lembrou que o uso dos medios telematicos é obrigatorio para empresas e asociacións, «e o goberno do estado ten que garantir que o seu sistema de rexistro realice a distribución dos escritos de xeito áxil.»