A CIG-Saúde da Mariña alerta da perda de calidade asistencial nos centros de saúde da comarca

por Redacción Lugo

“Á situación insostible na Atención Primaria de Viveiro e O Vicedo, agora súmase tamén O Valadouro e Alfoz”, denuncian.

Dende a central nacionalista denuncia que “o día 22 de novembro non hai médico en O Valadouro, tampouco os días 23, 24, 27 e 28 de novembro haberá médico de 8 a 9 h nin de 13 a 15 h. O día 29 de novembro non haberá médico de 11 a 15 h. E o día 30 de novembro non haberá médico de 12 a 15 h.” e “as urxencias serán derivadas principalmente ao Centro de Saúde de Foz, e tamén ao Centro de Saúde de Alfoz, aumentando deste xeito a carga asistencial das e dos profesionais deses centros”.

O Centro de Saúde Alfoz tamén estará varios días sen atención completa “xa que os días 22, 23, 24, 27, 28 e 29 de novembro non hai médico en Alfoz de 8 a 8:30 h. e as urxencias tamén serán enviadas ao Centro de Saúde de Foz”, alertan.

Desmantelamento intencionado da sanidade

Segundo CIG-Saúde da Mariña, este é o modelo que o goberno de Rueda e o PP promoven e impulsan a través dos xestores da Área Sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte  “e que está a provocar o desmantelamento intencionado da atención sanitaria. É o modelo do deterioro progresivo da Atención Primaria, co obxectivo de trasladarlle á cidadanía a percepción dunha sanidade precaria e insostíbel, e deste xeito, entregar a mans privadas o tan ansiado negocio da sanidade pública”.

Rescatar e dignificar a Atención Primaria.

Para CIG Saúde A Mariña é fundamental rescatar a sanidade pública galega e dignificar a Atención Primaria para garantir un servizo básico de calidade e proximidade fronte os gobernos do PP que pretenden convertela nun privilexio, e exixen a cobertura de todas as ausencias para garantir unha calidade asistencial digna”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario