25N: A VOSA VOZ. Por @DulceCorcu

Ás portas doutra data que non se celebra, que se tingue de loito novamente e con máis vítimas que nos tres últimos anos. Algo que parece imposible cando se supón que hai mecanismos, recursos e información para identificar unha violencia de xénero que leva asasinadas cincuenta e dúas mulleres neste 2.023 aínda sen rematar. Por enriba das noventa se engadimos ás mulleres asasinadas por homes que non eran as súas parellas ou ex parellas e aínda así, con esas cifras arrepiantes ao alcance de quen queira velas, négase que tal cousa exista. De feito, vai en programas políticos que votan milleiros de persoas, minimizando unha violencia que levou por diante a Paqui, a quen a súa parella matou a tiros; ou a Maricel, degolada pola súa ex parella. A Sandra, atropelada polo seu home, a Rosario morta a golpes polo seu home tamén. A Sandra acoitelada pola xa súa ex parella e a Hanane, atopada nun pozo ao que foi arroxada pola súa ex parella…

Unhas vítimas que tinguiron de sangue meses coma os de verán, con días onde se contabilizaron tres asasinatos machistas en vintecatro horas e superaron cifras que xa parecían quedar atrás nesa lúgubre estadística que se incrementa ano a ano desde 2.003. Ese repunte que non parece ter explicación, tena na normalización dos descursos negacionistas, na ausencia de educación non sexista, que fomente a igualdade nunha mocidade que, agora mesmo, está moi lonxe deses parámetros, e sendo un dos grupos onde máis medran esas violencias de control e abuso, en idades cada vez máis tempraneiras nas que as mozas non son capaces de identificar nin poñer nome ao que están a sufrir, o que retrasa prestarlles axuda. Unha educación sexual acorde aos tempos que tamén se nega en moitos ámbitos por cuestións relixiosas ou culturais que só van en detrimento das que acabarán sendo vítimas do machismo dunha ou outra forma.

Na véspera doutro 25 de novembro, amencemos cunha muller morta tirada no lixo na localidade do Porriño (Pontevedra) cun pano no fondo da gorxa e signos de violencia. As primeiras novas apuntan a unha moza de trinta e sete anos que exercía a prostitución, iso que algúns chaman «profesión» e só é explotación, vítimas aínda máis febles dunha violencia machista que, como paga, crese con dereitos de propiedade sobre o corpo delas. Non sabemos o seu nome, pero sabemos que a mataron. Como a Paqui, a Sandra, a Hanane….e por todas elas, este 25N temos que volver ás rúas e berrar para que se escoite a súa voz. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios