‘Toponimízate’ chega este venres a Ponte Caldelas 

por Redacción Galicia

O público aprenderá a empregar a aplicación Galicia Nomeada, que permite que a calquera persoa voluntaria participe na recolla e xeolocalización de nomes de montes, leiras e outros microtopónimos

Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra chega este venres a Ponte Caldelas. A campaña coordinada pola Real Academia Galega co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística ofrecerá unha charla, aberta a todo o público, no centro cultural da vila a partir das 20:00 horas. Toponimízate ten dous obxectivos principais: divulgar a riqueza toponímica de Galicia, que fai do país un lugar único no mundo pola insólita abundancia de nomes tradicionais que nomean case palmo a palmo o territorio; e involucrar a poboación de todas as idades e de todos os concellos galegos na recollida e xeolocalización dos microtopónimos aínda non rexistrados empregando a aplicación Galicia Nomeada.

O coordinador técnico da plataforma, o filólogo da RAG Vicente Feijoo, explicaralles ademais ás persoas asistentes a orixe e o significado dos topónimos que designan as parroquias e aldeas de Ponte Caldelas, unha información elaborada coa colaboración do académico de número Gonzalo Navaza na parte etimolóxica.

A Real Academia Galega pretende sumar persoas á tarefa de recuperación da toponimia xa iniciada neste concello pontevedrés por diferentes colaboradores, que engadiron arredor de 150 topónimos desde a posta en marcha de Galicia Nomeada, a finais do ano 2019. Con todo, a maior parte do territorio do municipio está aínda sen traballar, polo que se procurará transmitir tamén a urxencia desta tarefa.

Con esta nova charla serán xa unha ducia as impartidas nesta nova temporada da campaña Toponimízate. A derradeira sesión será en Narón o 1 de decembro.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario