Na semana do Día Contra a Violencia de Xénero, non deixan de darnos motivos para que esa data se perpetúe e nunca teña fin. Porque nesta semana de terror e sangue, dúas mulleres e unha nena de cinco anos asasinadas, outra de trece moi grave tras ser arroxada pola fiestra e un neno ferido e súa nai en coma despois de que seu pai prendese lume á casa con eles dentro.
E nisto, nunha das primeiras intervencións de Ana Redondo, nova Ministra de Igualdade, o foco non é para o asasino machista, é para as vítimas, que ela considera non denuncian o suficiente. Porque calquera diría que ás que denuncian non as matan, ou non ven pasar xuíces que as cuestionan e absolven aos seus maltratadores, que consideran que tampouco era para tanto, ou que as condean a vivir na mesma casa co que acabará sendo o seu verdugo. Quizais formar xuíces é tan urxente como denunciar o maltrato, porque de nada serve chegar ao xulgado para ser revictimizada e novamente violentada, ou ver como ser archivan os casos sen investigar gran cousa. Demasiadas veces unha muller só consegue unha condea contra o seu agresor cando finalmente a mata. Cincoenta e catro asasinatos machistas e cincoenta e cinco orfos, pero o problema é que non se denuncia. Alguén imaxina que asasinasen dous políticos por día, dous xuíces, dous futbolistas, dous policías? Seguiría pasando sen que ninguén fixese nada? Non hai máis preguntas, señoría.