O turismo galego medra a un ritmo do 6,5% con máis de 6,4 millóns de viaxeiros aloxados

por Redacción Galicia

Os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) acumulados ata outubro constatan a positiva evolución deste ano especialmente fóra de temporada alta

O turismo galego mantén ata outubro a senda do crecemento segundo se constata cos datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística, que eleva a máis de 6,4 millóns de viaxeiros aloxados nos establecementos turísticos nos 10 primeiros meses do ano que fixeron máis de 12 millóns de noites, o que supón incrementos do 6,5 % e do 5,9 %, respectivamente. Esta situación está a repercutir, ademais, desde o punto de vista económico, no sector como indican os índices de rendibilidade hoteleira que están incrementándose un 7 %, os datos máis altos desde que hai rexistros.

O bo comportamento da demanda neste período vén como consecuencia dos incrementos rexistrados en nove dos 10 meses, de xeito especial no primeiro semestre, coincidindo coa temporada baixa, con subas do 32 % en xaneiro, do 8 % en febreiro, do 20 % en marzo, do 15 % en abril, do 7,5 % en maio e do 3,1 % en xuño.

No acumulado ata outubro Galicia colócase como o primeiro destino do norte peninsular e o sétimo destino máis importante de España situándose por detrás de Cataluña, Canarias, Baleares, Andalucía, a Comunidade Valenciana e Madrid.

Neste período de 10 meses o 70 % da demanda corresponde ao segmento hoteleiro –cun 56 % para os hoteis e 14 % para as pensións- mentres que o 30 % restante fica no aloxamento extrahoteleiro, que inclúe aos albergues, cámpings, apartamentos turísticos e turismo rural. Os hoteis rexistran a porcentaxe de ocupación máis alta do conxunto da oferta de aloxamento, cun 48,1 % de media no acumulado a outubro.

O auxe do internacional

Neste período o 70 % da demanda corresponde ao turismo de ámbito nacional e o mercado internacional absorbe o 30 % do total da demanda. O incremento do mercado internacional é de tal magnitude que acada agora en 2023 un máximo histórico de demanda con 3,6 millóns de pernoitas nestes 10 meses.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario