“O sector pirotécnico de Galicia, representado pola Asociación Galega de Industriais Pirotécnicos (AGIP), denuncia a “deriva restrictiva e arbitraria” aplicada por diversos concellos galegos a través de acordos municipais para prohibir ou limitar o uso de fogos artificiais nas festas populares. AGIP rexeita con rotundidade o “populismo ambiental” que están practicando nos últimos días concellos como Vilargarcía de Arousa ou Padrón a través do veto á pirotecnia, unha actividade económica legal e regulada, para reducir o risco de incendios forestais.
Populismo, covardía política e demagoxia ambiental
“O populismo, a covardía política e a demagoxia ambiental, non poden servir de coartada para impedir o exercicio dunha actividade legal e que forma parte do acervo cultural da nosa comunidade”, manifesta a Asociación Galega de Industriais Pirotécnicos, que advirte de que “emprenderá accións legais e esixirá compensacións económicas subsidiarias por danos patrimoniais contra todos aqueles que cancelen de forma unilateral contratos en vigor ou alenten e inviten publicamente a non contratar pirotecnia baseándose en motivos ideolóxicos, populistas, discriminatorios e que vulneran, entre outros, o dereito fundamental o traballo, en lugar de aplicar a normativa vixente na materia”.
A Asociación Galega de Industriais Pirotécnicos denuncia que as medidas que están adoptando determinados concellos, “baixo pretextos supostamente medioambientais e de benestar social, están a atacar un sector histórico e un piar da cultura galega”. AGIP enmarca estas medidas “nun populismo estético, barato e carente de fundamento, que obedece a presións políticas de colectivos ecoloxistas e animalistas, utilizando a pirotecnia como unha falsa cortina de fume”.
A principal asociación que representa ao sector pirotécnico de Galicia reitera que as medidas de veto ou limitación de uso de fogos artificiais “son dunha hipocrisía intolerable” porque “alentan a prohibición de espectáculos de escasa duración, anunciados e perfectamente localizados e que non xeneran risco real, coa única finalidad de buscar un recoñecemento mediático e transmitir unha imaxen de suposta responsabilidade, mentres teñen abandonado o rural e os montes sen limpar”.
A farsa do risco de incendios: datos fronte a mitos
O sector profesional queima pólvora en Galicia en máis de 10.000 disparos anuais e “a realidade do monte galego é teimuda fronte ao relato prohibicionista de determinadas administracións locais”, argumenta AGIP, que destaca que o repaso das estatísticas oficiais da Consellería do Medio Rural e as memorias da Fiscalía de Medio Ambiente, “deixa claro que a incidencia da pirotecnia nos incendios forestais é practicamente nula”.
No último gran ano negro forestal (2025), onde Galicia sufriu a queima de 118.966 hectáreas, as Brigadas de Investigación de Incendios Forestais da Xunta (BIIF) ratificaron que entre o setenta e o oitenta por cento dos incendios foron intencionados e criminais. O impacto da pirotecnia profesional e regulamentada foi dun 0,0 por cento absoluto.
“En toda a historia das estatísticas forestais de Galicia non consta nin un só gran incendio provocado por pirotecnia profesional e, cando ocorre algún incidente, na práctica totalidade dos casos trátase de conatos que non superan a barreira dunha hectárea”, apunta AGIP.
A Asociación Galega de Industriais Pirotécnicos lembra que “mentres se persegue á pirotecnia profesional _que se dispara baixo estritas medidas de seguridade e con medios de extinción a pé de campo_, os informes oficiais reflicten que os traballos forestais da propia Administración ou as neglixencias agrícolas provocan o triplo de incendios e devoran miles de hectáreas na nosa comunidade autónoma”.
A doble moral do ruído: quince minutos frente a días de verbenas
O sector pirotécnico de Galicia entende que “o argumento do ruído e as molestias a persoas sensibles ou animais para prohibir os espectáculos pirotécnicos, é un insulto á intelixencia e un dobre raseiro intolerable”. E explica esta afirmación: “Un espectáculo pirotécnico profesional ten unha duración escasa, de non máis de dez ou quince minutos; e celébrase nun día, hora e lugar perfectamente acoutados e informados con semanas de antelación”. “Isto permite que persoas con hipersensibilidade ou os donos de mascotas poidan planificar o seu tempo, evitar o lugar concreto durante ese breve intervalo e así non ter calquera tipo de molestia”, sinala AGIP.
Pola contra, segundo informa a Asociación Galega de Industriais Pirotécnicos, “eses mesmos concellos que prohíben os foguetes, manteñen verbenas populares, concertos e atraccións de feira que emiten elevadísimos niveis de ruído durante cinco ou seis horas seguidas, principalmente en horario nocturno e de madrugada, e ao longo de varios días consecutivos, sen que ningún alcalde se preocupe polo benestar dos veciños sensibles ou dos animais, simplemente porque e máis doado e xenera menos problemas prohibir a pirotecnia”, continua sinalando esta asociación que defende o sector pirotécnico galego.
Unha actividade tradicional que é cultura popular
AGIP entende que “criminalizar a pirotecnia para gañar o aplauso fácil nas redes sociais é un acto de covardía política, facendo uso dunha tradición centenaria como cabeza de turco para tapar a incapacidade de xestionar o territorio rural ou vixiar aos verdadeiros incendiarios”.
O sector pirotécnico galego mostra “a súa máis contundente repulsa ás medidas promovidas desde diferentes administracións fronte a unha actividade tradicional que forma parte da nosa máis arraigada cultura popular, que non só é unha actividade legal, senón estritamente regulada e da que viven centos de familias na nosa comunidade autónoma, levando luz e alegría ás nosas celebracións populares desde tempos inmemoriais”.
O uso de pirotecnia está perfectamente regulado e con estritas medidas de seguridade para, entre outras cuestións, evitar que se produzan sinistros que poidan derivar en incendios forestais, medidas que son eficaces á vista dos datos reais das causas de incendios forestais desde 1991 en adiante (data a partir da que se conta con estatísticas oficiais detalladas).