Un videoxogo nado no Campus Industrial de Ferrol nominado aos Premios iokool PlayStation Talents

por Redacción Galicia

O xogo “Avy, Fábulas da Noite”, nado como traballo final do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), consegue catro nominacións aos Premios iokool PlayStation Talents que promove Sony Interactive Entertainment España

A historia de Avy, unha nena que viaxa a unha illa de fantasía e pesadelos repleta de xoguetes opta ao premio á Mellor Historia Orixinal, ao Xogo coa Mellor Arte, ao Mellor Xogo para Prensa e á Mención Especial Compromiso PlayStation.

Os integrantes do estudio Gamespond e antigos alumnos do Campus Industrial de Ferrol, Alicia Puentes, Diego Pérez, George Neighbour, Mónica García, Juan García e Sergio García, optan tamén, xunto con outros 24 estudos, ao Premio ao Mellor Xogo do Ano. O estudo indie que consiga este galardón recibirá un cheque por valor de 10.000 euros para a financiación do seu proxecto e poderá optar ao apoio de PlayStation España mediante o acceso a kits de desenvolvemento, á participación en sesións de asesoramento con profesionais de recoñecido prestixio da industria a nivel nacional e internacional así como recibir axuda para publicar o seu xogo en todas as súas plataformas e pór en marcha a correspondente campaña de promoción.

A gala de entrega de premios terá lugar o vindeiro martes 12 de decembro, ás 19:00 horas, en Madrid. Con todo, o evento, no que se conmemora o décimo aniversario destes galardóns, poderá seguirse en directo a través da canle de Twitch de PlayStation España.

Premiado no IndieDevDay de Barcelona e finalista no Guerrilla Game Festival de Madrid

O videoxogo “Avy, Fábulas da Noite” acadou o Premio ao Mellor Xogo Cozy na IndieDevDay de Barcelona o pasado mes de setembro. Uns meses antes, gañaba o Premio Especial da Crítica e o Premio ao Xogo con Mellor Arte no Kokoro Japan Expo de Vigo. En 2022 foi finalista na categoría ao Mellor Xogo Cozy no Guerrilla Game Festival de Madrid e gañou o Premio de Prata na Sección Indie no Videoxogando que tivo lugar en Soutomaior (Pontevedra).

Foto portada: Os integrantes de Gamespond, Alicia Puentes, Diego Pérez, George Neighbour, Mónica García, Juan García e Sergio García, deseñaron e desenvolveron “Avy, Fábulas da Noite” como traballo final do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF).

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario