Besteiro anuncia que rematará a AG-55 e que liberará as peaxes entre A Coruña e Carballo cando chegue á Xunta 

por Redacción A Coruña

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou hoxe que cando chegue ao goberno galego implementará a “liberalización da peaxe da autovía AG-55 entre A Coruña e Carballo” por considerala “totalmente inxusta e discriminatoria” para a veciñanza de Bergantiños e da Costa da Morte que leva anos pedindo a gratuidade deste treito. Con esta medida, o tamén deputado nacional, considera que se contribúe a acadar unha maior equidade e igualdade entre os galegos con independencia da zona na que vivan: “Non pode ser que de forma completamente arbitraria unha parte da cidadanía teña que pagar por achegarse a un xulgado, a un hospital, ou mesmo ir traballar, mentres para outros o custe é cero. É unha cuestión de xustiza e solidariedade”, engadiu.

Besteiro recordou que a AG-55 naceu coma unha vía pública e de balde, que os populares privatizaron no ano 97 coa construción do tramo entre A Laracha e Carballo, logo dun proceso de expropiación aos veciños destas comarcas para unha autovía pública que agora teñen que pagar. Un engano que supón un lastre económico para o seu futuro e é discriminatorio, máis cando a autoestrada A Coruña-Carballo é a arteria principal de comunicación entre a capital e A Costa da Morte. O candidato socialista á Presidencia da Xunta subliñou que a súa proposta e liberala de peaxes, e puxo como exemplo a xestión dos socialistas galegos co Goberno, que suporá rebaixas de ata o 75% nas peaxes da AP-53 e AP-9 cos Orzamentos do 2024, e sempre fixando como obxectivo chegar á gratuidade.

Fronte a esta xestión, Besteiro opuxo a do Partido Popular, que cualificou de nefasta e, nomeadamente a realizada na Autovía da Costa da Morte, que 30 anos despois da inauguración do seu primeiro tramo segue sen rematar, incidindo no illamento e falla de oportunidades de desenvolvemento de toda a zona. A sangradura é maior no tramo entre Baio e Berdoias, de escasamente 15 quilómetros, que o popular Alfonso Rueda foi incapaz de acabar tres décadas despois poñendo de manifesto o nulo compromiso coas comarcas da Coruña, Bergantiños e da Costa da Morte.

CEE

Reiterados incumprimentos coa Costa da Morte

Ademais de esixir a Rueda a eliminación da peaxe do tramo entre A Coruña e Carballo, Besteiro asegurou que, cando asuma a Presidencia da Xunta, rematará o treito entre Baio e Berdoias (co que se completarían 77 quilómetros de autovía) e completará esta vía de alta capacidade ata Cee e Fisterra.

 Actualmente a AG-55 é utilizada por máis de 13.000 vehículos (segundo os datos oficiais de 2022), dos que máis de 12.000 son lixeiros (que asumen un custe de 7.35 euros) xa que os transportistas de pesados non poden asumir os case 15 euros deste tramo e, polo tanto, seguen a utilizar as estradas convencionais incrementando a densidade de tráfico e contaminación nos municipios polos que pasan.

MUXÍA

Besteiro lembrou que temos contraída unha débeda coa Costa da Morte desde a catástrofe do Prestige. Neste sentido, salientou o papel desenvolvido polos socialistas coa construción do Parador da Costa da Morte, que naceu daquela traxedia ecolóxica, e se ten convertido nun motor de desenvolvemento económico, social e cultural ademais dun referente de sostibilidade e respecto polo medio ambiente. Hoxe é un dos máis valorados e solicitados polos clientes, cunha ocupación media que supera el 90%.

No encontro de hoxe na Coruña tamén participaron a alcaldesa de Cee, Margot Lamela, os alcaldes de Carnota, Juan Manuel Saborido, Dumbría, Raúl González, e Muxía, Iago Toba, así como a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e distintos cargos orgánicos e institucionais do partido.

Etiquetas
Comparte éste artículo
2 Comments