Elviña albergará o COE da Xunta

por Redacción A Coruña

O espazo levará a coordinación da Rede de polos de emprendemento que a Xunta está a estender pola comunidade e que nos próximos meses contará con 15 activos

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, acompañado do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe o local da rúa Rafael Alberti, no barrio coruñés de Elviña, onde se ubicará o novo Centro de orientación, emprendemento e innovación (COE) da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Durante a visita, o secretario xeral insistiu na necesidade de que o Concello herculino axilice a licenza para iniciar as actuacións neste espazo para que estea ao servizo dos galegos o antes posible.

O centro coruñés dotarase dos espazos necesarios e de persoal cualificado para a orientación, asesoramento e acompañamento das persoas interesadas en desenvolver os seus proxectos a través de fórmulas de economía social ou de microemprendemento. O local conta con 500 metros cadrados e se adaptará á normativa de accesibilidade universal para dar o mellor servizo ás persoas con discapacidade.

A Xunta quere converter as novas dependencias nun referente do impulso de proxectos innovadores que redunden na xeración de emprego e permita reforzar as políticas activas e de promoción do emprego, así como o acompañamento dos proxectos empresariais.

A idea é que o COE dea servizo a persoas da Coruña e da súa contorna, pero tamén de toda Galicia, ao se localizar nun lugar próximo ás estacións de autobuses e trens e con acceso fácil á autoestrada.

Entre outras funcións, esta oficina asumirá a coordinación da Rede de polos de emprendemento que a Xunta de Galicia está a despregar pola comunidade e que contará nos próximos meses con 15 centros activos.

A Xunta de Galicia está a reforzar o apoio ao autoemprego e ao emprendemento, con especial atención ás zonas rurais, co obxectivo de dinamizar as contornas e axudar ao nacemento de iniciativas innovadoras vencelladas coas economías locais. 

A través deste local planificaranse e coordinaranse as sinerxías da rede, e conectaranse os diferentes polos entre si. O obxectivo non é outro que seguir a identificar oportunidades de emprendemento -ordinario e dentro da economía social- sobre o territorio e poñer en contacto aos empresarios que botan a andar.

Os orzamentos da Consellería prevén un investimento de máis de dous millóns de euros en 2024 para a posta en marcha do Centro de orientación que se financiará con cargo a fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR).

Esta medida é soamente unha das apostas coas que a Xunta seguirá a apoiar as iniciativas empresariais en 2024.  No que concirne ó emprendemento, contarase cun orzamento de 30,6 millóns de euros (cunha suba do 51,6% respecto do ano anterior) para seguir co despregamento da  Rede de polos e a posta en marcha, entre outras medidas, dun programa para impulsar a remuda xeracional, a través dunha bolsa de substitución de negocios, cun importe de 1,8 millóns de euros.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario