O ‘Foco Esther F. Carrodeguas’ trae a Santiago de Compostela tres dos traballos máis recentes da dramaturga e actriz galega

por Redacción Galicia

A programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura 2024 acollerá nos próximos meses os espectáculos IRIBARNE, O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada e Rapadas

A programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura do primeiro semestre do 2024 incluirá un ‘Foco Esther F. Carrodeguas’ con tres dos máis recentes traballos que a dramaturga e actriz galega desenvolveu coa compañía ButacaZero. Trátase das pezas IRIBARNEO único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada e Rapadas que se van representar os días 20 de xaneiro, 24 e 25 de maio, respectivamente.

De feito, IRIBARNE vai ser o espectáculo responsable de inaugurar a programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura o 20 de xaneiro no Auditorio de Galicia. Esta revisión da figura de Fraga en clave de humor é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. IRIBARNE é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous fundadores da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores propostas escénicas, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. Conta cun texto de Carrodeguas, coa dirección de Xavier Castiñeira e cun elenco conformado Mónica García, Xurxo Cortázar, Anxo Outumuro, Lidia Veiga, Jorge de Arcos e a propia Carrodeguas.

A seguinte cita do foco vai ser o espectáculo unipersoal O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada o 24 de maio no Teatro Principal. Cunha sinceridade crúa e o seu clásico humor irónico, Carrodeguas aborda neste texto de auto[non]ficción a relación co seu corpo, marcada pola gordofobia que se respira en calquera recuncho da nosa sociedade obsesionada coa fermosura.

O ciclo pecharase coa representación de Rapadas 25 de maio na Igrexa da Universidade. Esta obra nace da necesidade de compartir co público a documentación recadada por Carrodeguas sobre as mulleres rapadas na posguerra civil, no seu intento por escribir unha obra de teatro. A partir destes feitos, a autora investiga arredor do concepto histórico de «rapada»: de Xoana de Arcos ás Femmes tondues (colaboracionistas), de Britney Spears a Jada Pinkett, de blogueiras descoñecidas a modelos internacionais.

Neste camiño, Carrodeguas chega ata as mulleres que no 2022 se rapan a si mesmas en Ucraína tentando non resultar atractivas a posibles violadores durante a invasión. O elenco de Rapadas está integrado por Esther F. Carrodeguas, Juanma Lodo e Sabela Domínguez.

Alén dos espectáculos, grazas ás actividades #posfunción e #conversando, o público vai ter a oportunidade de dialogar con Carrodeguas e o resto do equipo dos espectáculos e coñecer o proceso de traballo que posibilita a realización das obras. Así, o venres 19 de xaneiro, ás 19 horas, está previsto un #conversando co equipo de Iribarne no Auditorio de Galicia, e ao remate da función d’O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, o 24 de maio no Teatro Principal, está programada unha #posfunción.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario