Susana Seivane lanza ‘Sete’ a súa aposta máis persoal

por Redacción Galicia

Susana Seivane volve máis forte ca nunca, para romper prexuizos, posicionarse e dar un paso adiante cunha nova proposta valente e rompedora.

O pasado venres, a gaiteira adiantaba Non é non’  onde emprega a forza do seu instrumento para elevar o berro ao máis alto nivel e traspasar o silencio que cubre unha lacra incesante na nosa sociedade: a violencia de xénero. Para elo, rodease de multitude de artistas que tamén pronuncian a súa repulsa contra este mal endémico que tanto dano está a causar a sociedade:  Elena Ferro, Iván Raña ou Carlos Blanco, entre outros, súmanse a esta campaña iniciada pola artista.

O tema emprega un pequeno fragmento de Lieders, artigo da precursora Rosalía de Castro que foi publicado por primeira vez en El Album de El Miño, en Vigo no 1858 e considerado o primeiro manifesto feminista publicado en Galicia.

Non é non

‘Non é non’ foi dirixido por Rubén Riós e producido pola propia Susana Seivane e mare produccións coa colaboración de Claqueta Croqueta.

Cunha mensaxe positiva, a factura do vídeo pretende recrear ás sombras que enardecen as vidas das mulleres que sofren en silencio en contraste cos momentos de clarividencia e serenidade, necesarios para atopar a forza para empurrar e sair da clandestinidade. Para recrear estes matices, o vídeo foi gravado en Lobios, sendo a última filmación permitida no poboado, que reflicte a antítesis do sufrimento e a liberación.

Do punto de vista musical, Susana amosa a intencionalidade que será o fío conductor de ‘Sete’, o seu sétimo álbum que verá a luz o vindeiro día 7 de decembro: achegar o son da gaita a enfoques contemporáneos, máis sonoros e vibrantes, con contido máis pesado e poderoso, sen perder a esencia da xenuidade da interpretación da nosa gaiteira máis internacional.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario