Besteiro anuncia en Navantia a construción da nave dixital de Bloques e confirma o inicio do corte de chapa da segunda fragata F-110

por Redacción Galicia

Destaca a modernización e sustentabilidade do estaleiro con novas tecnoloxías como a de ‘xemelgos dixitais’, o obradoiro de Robótica e construción da nova Fábrica de Bloques que “impulsará a súa competitividade e excelencia no mercado internacional”

O candidato socialista á Presidencia da Xunta e presidente da Comisión de Transportes e Mobilidade do Congreso dos Deputados, José Ramón Gómez Besteiro, visitou hoxe os estaleiros de Navantia en Ferrol, onde confirmou a construción da nave dixital de Bloques. Na súa visita, xunto co presidente da Deputación da Coruña e secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, anunciou ademais o inicio do corte de chapa da segunda fragata F-110.

O responsable socialista confirmou que esta mesma semana comezará a adxudicación e posterior construción da nave dixital de Bloques, que forma parte do novo ecosistema dixital para a renovación dos centros de produción ao amparo da construción das fragatas contratadas pola Armada Española. Sinalou que esta nova infraestrutura suporá “un antes e un despois” para o estaleiro ferrolá.

O candidato socialista apostou pola forte aposta que Navantia, apoiada polo Estado español, realizará en I+D+i para captar novos investimentos. O “investimento espectacular” que está a recibir Navantia permitirá a modernización sostible e garantir a súa competitividade e, xa que logo, manterse como un estaleiro punteiro no mercado internacional.

Neste sentido, Besteiro aludiu á configuración do novo Obradoiro de Robótica e a implementación do Xemelgo Dixital no programa F-110 que permite a análise virtual, validación e aplicación de novos procesos automatizados que se integrarán nos procesos de construción de negocio. O Centro de Excelencia do Xemelgo actuará de catalizador para a creación de empresas do sector tecnolóxico, fomentando o talento e emprego de alta cualificación na Ría de Ferrol.

Corte de chapa

O tamén deputado no Congreso anunciou o inicio do corte de chapa co que se inicia a construción da segunda das cinco fragatas que compoñen o programa F-110 da Armada Española. Destacou que o contrato para a fabricación destas naves punteiras no estaleiro ferrolá “contará cun investimento directo do Goberno de España de 4.320 millóns de euros e que xerará 9.000 empregos, como mínimo, ata o 2032.

O líder socialista salientou as actuacións do Goberno de España en Ferrolterra, que permitirán expandir a súa viabilidade máis aló do horizonte de 2032. Esta aposta recupera a súa vitalidade e multiplicando o emprego de forma exponencial a través de contratacións directas, indirectas e inducidas o que fai despegar de novo a economía de toda esta área.

Aludiu así a que Navantia Ferrol se beneficiará dun total de 1.460 millóns de euros do Plan Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) financiados polos fondos europeos Next Generation.

Todas estas melloras redundarán na reactivación do tecido produtivo das bisbarras de Ferrolterra, Eume e Ortegal e contribuirán a fixar poboación; impulsarán a formación e empregos de alta cualificación e remuneración e, polo tanto, maior riqueza económica e social no ámbito local.

Outras actuacións do Goberno de España en Ferrolterra

Besteiro, como presidente da Comisión de Transporte, recordou que o investimento global do Goberno de España en Ferrolterra ronda os 5.000 millóns de euros dos que o contrato da Armada para a construción das cinco fragatas é o máis importante. A estes cartos hai que engadir 165 millóns da SEPI destinados á modernización dos estaleiros de Navantia.

Ademais, o Goberno presidido por Pedro Sánchez realizará na contorna ferrolá outras actuacións destacadas, como os máis de 95 millóns destinados ao acceso ferroviario ao Porto Exterior ferrolán; uns 9 millóns de investimento derivados do Plan de Transición Xusta pola afección do peche da térmica das Pontes.

Tamén destinará máis de 10 millóns para a humanización da avenida das Pías; case 3,5 do plan de Rehabilitación do Plan Estatal de Vivenda; outros dous millóns para a reforma e mellora do cuartel da Garda Civil e 1,4 para a rehabilitación da antiga Comandancia Militar e destinar o 1,5% cultural á obras no Castelo de San Felipe.

Eduardo Dobarro, director de Navantia Ferrol, e outros altos cargos do estaleiro actuaron como anfitrións do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e do deputado nacional e presidente da Comisión de Transportes e Mobilidade do Congreso, José Ramón Gómez Besteiro, na súa visita ás instalacións de Navantia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario