A Vía Verde máis longa de Galicia estrea unha identidade propia para achegarse a un maior público
A Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle ven de presentar a súa nova identidade gráfica, unha proposta visual que busca achegarse a un maior público.
Ata o momento esta Vía Verde empregou a imaxe xenérica das Vías Verdes do estado. Co novo deseño búscase representar a esencia deste proxecto de revitalización dun antigo trazado de ferrocarril e a súa devolución á comunidade a través do turismo activo e o desenvolvemento local.
Despois dunha coidadosa colaboración e participación activa dos concellos membros da Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle, elixiuse un novo logotipo que encarna a esencia deste proxecto transformador. Este deseño reflicte unha narrativa máis descritiva e simbólica que subliña os valores fundamentais do proxecto.
Características do novo logotipo
A nova imaxe da Vía Verde ten unha serie de atributos e características, entre nas que podemos atopar:
- Descritivo e simbólico: o deseño busca representar a esencia do proxecto de revitalización deste antigo trazado de ferrocarril e a súa devolución á comunidade a través do turismo activo e o desenvolvemento local.
- Separación do pictograma e o texto: para maior flexibilidade e aplicabilidade, optouse por separar o pictograma do texto, permitindo o seu uso en diversos contextos e formatos.
- Elemento representativo: a elección de escribir a palabra «Verde» en azul incorpora un elemento representativo da contorna, facendo referencia ao río Lengüelle.
Desde a Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela, Tambre, Lengüelle salientan que “trátase dun logotipo que quere transmitir uns valores saudables, sostibles e universais, que tamén os representa a Vía Verde”.
Apertura de perfís en redes sociais
Esta creación dunha identidade corporativa propia para a Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle ven acompañada da constitución de perfís nas redes sociais Facebook e Instagram que comezará esta mesma semana co obxectivo de achegar información da Vía Verde como actividades, sitios a visitar ou de interese. Tamén se habilitará un perfil na rede Wikiloc, referencia mundial das rutas de todo o mundo que conta na actualidade con preto 14 millóns de persoas usuarias.
Sobre a Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle
A Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle é a Vía Verde máis longa de Galicia. Coa posta das antigas vías do ferrocarril que unía Santiago coa Coruña e reutilizando 26 quilómetros de parte do seu trazado que atravesa os concellos de Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda, esta Vía Verde é un exemplo de recuperación e transformación de infraestructuras en desuso para obter unha nova vida e actividade.
«A difusión desta información encádrase no marco da subvención DP0030 concedida pola Deputación da Coruña á Asociación de Concellos da Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle.»