Veciñanza afectada polos recortes no Centro de Saúde seguen protestando e reclamándolle ao SERGAS cubrir a vacante.
Hoxe luns continúa sen cubrise o posto do piso de arriba, avisando desde o centro co mesmo cartel das semanas pasadas, o que provoca que se deran citas para o próximo día 15 desde a semana pasada xa. Un só médico non da atendido ben a todo o municipio, comentábanlle á saída do ambulatorio ao portavoz do BNG de Dodro.
Xoán Bautista Mariño díxolle ás persoas que hoxe acudiron ao Centro de Saúde que continuarán coas mobilizacións que iniciaron hai xa tres semanas ao ver que o SERGAS non cubría a tempo completo a praza vacante.
O BNG quere o mesmo que a poboación de Dodro: menos propaganda e máis atención. Sabemos que estanse presentando queixas e animamos a seguir cubrindo reclamacións ata que se solucione o problema de recortes que instalou o PP desde a Xunta e que agora se sinte, aínda máis directamente, desde o Centro de Saúde de Dodro.
As persoas que hoxe se achegaron ao ambulatorio agradeceron a iniciativa nacionalista e coincidiron en que hai que protestar cursando máis reclamacións para evitar a falta de persoal nun servizo primordial como a sanidade pública.
O BNG seguirá reclamando para a veciñanza melloras neste sector público e anuncia outras iniciativas fronte aos recortes ata que se volva á normalidade que rompeu o SERGAS en Dodro.