A Pobra do Caramiñal acolle a súa primeira “Maratón da Cabicha” para concienciar sobre a problemática da contaminación do mar

por Redacción Galicia

Mozos e mozas do instituto Divino Maestro idearon esta iniciativa que terá lugar mañá mércores 13 de decembro ás 11h durante o mercadillo

Un grupo de alumando do CPR Divino Maestro da Pobra do Caramiñal pasará a mañá do mércores recollendo as cabichas e os lixos que atopen na contorna do mercado municipal no seu día forte.

Os mozos e mozas ataviados coas camisetas que eles mesmos deseñaron, percorreran o mercado e as rúas limítrofes buscando cabichas e lixos. Todo o que atopen baleirarano nun pequeño acuario que se instalará na praza central e que representará o mar. Así, pouco a pouco a agua transparente e cristalina ao comezo irá tinguíndose da cor dos lixos que alí sexan depositados.  Todo isto irá acompañado de información onde aportarán datos sobre os riscos das cabichas para o medio ambiente, centrándose sobre todo nos problemas que causan no mar e tamén para a produción e consumo de bivalvos, algo que evidentemente preocupa na zona.

Esta acción, que poderíamos definir como comunicación de guerrilla, está enmarcada no proxecto europeo ‘People & Planet: un destino común’ impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, coa colaboración do propio concello da Pobra do Caramiñal.  A idea é concienciar á xuventude sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable.

O punto de partida  foi a participación desta rapazada nun obradoiro previo impartido pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social ( AGARESO) onde aprenderon non so as peculiaridades que usa a comunicación de guerrilla, senón tamén a temática a tratar: a auga como un dereito humano fundamental e a crise climática global, e tamén comezaron a imaxinar e a crear a acción que hoxe podemos ver no Concello.

A iniciativa #PeopleAndPlanet que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, busca tamén reforzar aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030, en especial o ODS 13, que chama a adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 19 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario