Estes días, un grupo duns 20 voluntarios/as de LimpOcean recolleron refugallos plásticos e basuraleza da beiramar da praia de Beo. Uns 80 kilos, aprox, supoño que a ollo lanzaron esa cifra. As limpezas son para concienciar, non só os veciños e veciñas, senón os Concellos, que non sempre se suman a estes labores de limpeza e concienciación.
O dramático desta historia é que o 80% deses residuos variados proceden do SECTOR PESQUEIRO E MARISQUEIRO , algo que ten moi pouca lóxica, se o pensades ben, carece de sentido. O mar tamén ten un límite e estamos sendo moi pouco respectuosos con el. Un mar que nos da moita vida sen pedir nada a cambio. O mar non berra e non protesta. E só vomita fora aquelo que flota. E moitos/as din: «non pasa nada, o mar é moi grande». Pero nalgunhas analíticas das bateas os niveis de microplásticos eran elevadas e tiveron xa vaias paradas biolóxicas por exceso de microplásticos. Con eso non contaba ninguén.
Ata agora só as toxinas e as riadas, ou un temporal, facían parar a mariscadores, percebeiros ou mariñeiros. Pero os tempos cambiaron e os niveis de microplásticos nas analíticas serán clave para a continuidade dos sectores do mar e a súa aptitude para o consumo humano. O exceso de microplásticos mariños vai ser a veda que o noso mar necesita. E moi pronto veredes de que vos estou a falar hoxe. As novas políticas europeas verdes avanzan imparables e nos teremos que acatar as leis dos que lexislan en Bruxelas, que son os que mandan de verdade.