As últimas analíticas realizadas por Augas de Galicia na mina de San Finx, en Lousame, o pasado mes de outubro evidenciaron que os niveis de cadmio nos vertidos da mina superan máis de 100 veces os limites máximos que establece a lexislación para esta substancia tóxica e canceríxena. Isto supón un aumento fronte aos resultados de agosto, cando os niveis de cadmio xa estaban 78 veces por enriba do permitido.
Á vista das analíticas e ante as reiteradas denuncias de colectivos ecoloxistas e do mar, Augas de Galicia ven de ditar proposta de sanción contra a empresa concesionaria da mina impoñendo multa de 180.000 euros, considerando o dolo existentes e danos causados. En simultáneo, iniciouse o procedemento para retirar a autorización de verteduras outorgada o pasado mes de febreiro, logo de sete anos de tramitación irregular.
Sen embargo, os colectivos denunciantes lembran que levan 7 anos esperando por este procedemento sancionador e veñen de alegar esixindo á Xunta que obrigue igualmente á empresa a pagar o canon de control de verteduras, que neste caso se eleva a máis de 30 millóns de euros anuais. «Non vamos tolerar que a empresa marche deixando este problema detrás», afirma Rogelio Santos, mariñeiro e co-voceiro da Plataforma comarcal contra as verteduras da mina.
Tamén esixen que se adopten medidas cautelares para evitar que as verteduras continúen. Por iso, desde os colectivos integrantes da plataforma veñen de enviar á Xunta información técnica sobre os métodos de selado das galerías de drenaxe que deben executarse para permitir a reinundación da mina e a minimización da contaminación con metais pesados. «Non entendemos porque o que se fai en minas de todo o mundo para evitar a contaminación, aquí non se esixe a unha explotación que está a apenas 7 km da ría de Muros e Noia», indicou Joám Evans, representante de Ecoloxistas en Acción.
Solidariedade contra o acoso xudicial
A Plataforma contra as verteduras, que integran confrarías, ecoloxistas e colectivos locais de todo tipo ven de expresar a súa solidariedade con Ecoloxistas en Acción, logo de que a Cámara Oficial Mineira de Galicia denunciase a varios dos seus membros por ter levado á sede do organismo na Coruña varias botellas con auga da mina. As Confrarías de Noia e Portosín xa censuraran á Cámara Mineira no mes de agosto cando esta afirmara publicamente que «nunca houbo problemas coa calidade das augas», e que a postura das organizacións do mar nacía de «información imprecisa, sen ningún valor científico e con un sesgo ideolóxico anti-minería.»
Logo de que o mes pasado se arquivase outra denuncia falsa contra o mesmo colectivo por parte da empresa da mina de San Finx, a Plataforma pide ao organismo que deixe de facer o ridículo e alerta que este tipo de acoso xudicial non vai conseguir desmobilizar a toda unha ría na defensa do seu modo de vida. Lembran demais que fronte os 12 postos de traballo que contempla o proxecto de explotación da mina, a ría dá de comer a miles de familias de forma sostible e respectuosa co medio natural.