O próximo sábado, 11 de novembro, a Comunidade de Montes programa concertos, actividades infantís e castañada popular de balde polos “Salvamontes” na súa defensa da auga e do monte
Homenaxe e apoio a todas e todos os “Salvamontes”. No Centro Social As Pedriñas, a Comunidade de Montes de Tameiga celebra o próximo sábado, 11 de novembro, o seu tradicional magosto, unha xornada de castañas, música e actividades infantís cun obxectivo solidario: recadar fondos para defender a auga e o monte, para apoiar ás comunidades de augas e á Plataforma Auga é Vida ante o proxecto GS360 que promove o presidente do Celta, Carlos Mouriño.
A entidade veciñal programa unha xornada lúdica e familiar, para todos os públicos. Por suposto haberá prezos populares e castañas de balde, pero ademais, o centro social acollerá as actuacións de Os Ruidosos de Tangaraño, Zeltia Irevire, Monoulious Dop e A Duendeneta.
Ás 18 horas dará comezo o asado e reparto de castañas de balde entre o público asistente, amenizado co baile e a música tradicional galega de Os Ruidosos de Tangaraño. A continuación, ás 20 horas, a Comunidade de Montes de Tameiga aproveitará o seu popular magosto para celebrar o seu 40º aniversario e render unha sentida homenaxe ás directivas anteriores da entidade, os primeiros “Salvamontes”, homes e mulleres que, ao longo de catro décadas, abriron camiño na actual senda de protección e posta en valor do monte comunal.
Ás 21 horas continuarán as actuacións musiciais. Zeltia Irevire presentará o seu primeiro e recén editado traballo, Vacaloura, un disco de folc con matices pop e electrónicos no que recollen seis anos de traxectoria comprometida coa terra. Pola súa banda, Monoulious Dop promete poñer ao público a bailar e gozar co seu concerto, un grupo con máis dunha década de traxectoria que lanzou o ano pasado “Disco Disko”, no que exploran, xunto ao seu habitual rock, os estilos disco, funkipop e electrónica. Por último, A Duendeneta estacionará en Tameiga e pechará a xornada cunha sesión picadiscos, enchendo o recinto de diversión e moita música.
O impacto do GS360
Varias entidades –entre as que se atopan a Comunidade de Montes de Tameiga, a Plataforma Auga é Vida e distintas asociacións ecoloxistas– traballan para salvar ao monte da agresión que suporía levar adiante o Galicia Sports 360 que promove o presidente do Celta, Carlos Mouriño.
Así, o desenvolvemento do GS360 (un proxecto duns 300.000 m2 de superficie total) conlevaría un impacto ambiental, patrimonial e ecolóxico irreversible, xa que se trata de solo cualificado como rústico de especial protección. E ademais afectaría directamente a máis de 4.000 veciños e veciñas de Mos, que se benefician da biomasa e especialmente da auga dos recursos acuíferos alí existentes.
Con este magosto “Salvamontes”, a Comunidade de Montes de Tameiga busca non só recadar fondos para a Plataforma nunha xornada lúdica e familiar, senón tamén informar e sensibilizar á veciñanza das consecuencias negativas que tería a execución do GS360 para Mos e toda a área de Vigo.
CMVMC de Tameiga
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga (Mos) é unha entidade sen ánimo de lucro que aglutina a máis de 400 familias comuneiras e xestiona actualmente 90 hectáreas de superficie forestal para conseguir beneficios medioambientais, sociais, enerxécticos e económicos para a súa veciñanza. O seu obxectivo principal é a defensa e protección do patrimonio común.
Xestiona os recursos acuíferos do territorio en beneficio da veciñanza comuneira e dispón dunha comunidade enerxética que reparte 350 pedidos anuais de 3 m3 de biomasa cada un, a prezo de custo. Ademais, a entidade é titular dun viveiro de empresas e do polígono industrial de Monte Faquiña, con máis de 20 naves industriais, que conta con instalacións fotovoltaicas que permiten un autoconsumo individual, abaratando os costes de producción e mellorando a competitividade das empresas.
Por outra banda, a CMVMC de Tameiga desenvolve unha intensa actividade sociocultural, a través da organización do festival infantil Miúdo Fest e da programación do CSCD As Pedriñas e da Sala Rebullón. Tamén colabora con organizacións deportivas, educativas e sociais do municipio.