As organizacións ecoloxistas alertan do enorme impacto ambiental e social que terá no rural pontevedrés a construción de máis tramos desta innecesaria infraestrutura
Varias das principais organizacións ecoloxistas de Galicia, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace, expresaron conxuntamente o seu rexeitamento á construción da autovía A-57 en Pontevedra. Acompañadas de veciñas do rural pontevedrés, alertaron do grave prexuízo ambiental e social que causará a continuación da construción desta innecesaria infraestrutura.
A plataforma de afectados pola autovía A-57 leva vinte anos de loita, dende que se presentaron os trazados máis lesivos para as parroquias do norte de Pontevedra. Solo o segundo trazado, entre a Ermida e Pilarteiros, congregou máis de 60.000 alegacións. Agora, ante a continuación da construción, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace amosan o seu apoio e solidariedade coa veciñanza das parroquias de Bora e Xeve para frear a desfeita ecolóxica e social que causarán estas obras.
As organizacións salientan que o estudo ambiental alerta sen ningún lugar a dúbida da alteración e contaminación de acuíferos pola desviación temporal ou permanente de caudales que afectan ás zonas de recarga do acuífero, pola impermeabilización de superficies e por vertidos accidentais. O risco é tal para salmóns e lampreas, que no propio estudio se recomenda capturar larvas durante as obras.
«A construcción desta innecesaria autovía vai arrasar con máis de seis mil metros cadrados de zona protexida pola Rede Natura, afectando especialmente á flora e fauna dos hábitats que conforman este tramo o río Lérez. En Galicia non imos sobrados de superficie protexida, polo que a efección é máis grave aínda», alerta Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción.
Segundo o estudo ambiental, a construcción da autovía A-57 terá impacto en 8 especies con medidas especiais de conservación e 14 especies de interese comunitario, 5 das cales corresponden a invertebrados. Esta infraestrutura afectará tamén a máis de 6.000 metros do espazo Rede Natura 2000 do río Lérez e hábitats prioritarios de conservación incluídos na Directiva Hábitats da Unión Europea, incluíndo afeccións directas a especies de flora e fauna catalogadas como vulnerables e ameazadas. A afección é máis grave aínda por atentar a unha parte da reducida superficie de rede Natura coa que conta Galicia, que con só un 12% está á cola do Estado neste eido.
«Esta estrada é un enorme surco no monte que vai destrozar fragas, humedais e romper a conectividade do territorio para a fauna. É un atentado ecolóxico ao rural da cidade de Pontevedra», denuncia Antón Lois, voceiro de Amigas da Terra.
A propia avaliación do Ministerio sinala que a construcción e explotación da autovía afectará a máis de 160 vivendas con niveis de ruído por enriba do permitido. E unha ducia de casas serán derribadas. Asemade, as veciñas e familias veranse afastadas unhas de outras pola enorme trincheira que creará a construcción desta infraestructura.
«A construción da A-57 é incongruente coas novas políticas de mobilidade que temos que implementar para abordar a emerxencia climática e coa necesidade imperiosa de protexer a natureza. Non necesitamos máis infraestruturas para seguir a queimar combustíbeis fósiles con milleiros de vehículos privados. Este enorme investimento debería dirixirse ao transporte público, por exemplo a trens de cercanías, que si serían unha alternativa viábel e ecolóxica a esta autovía e tamén á AP-9 que din que pretende complementar» declarou Manoel Santos, voceiro de Greenpeace.
Segundo as organizacións ecoloxistas estas vías de alta capacidade provocan sempre un efecto chamada que incrementa o tráfico, polo que lonxe de mitigar a emerxencia climática no concello de Pontevedra se incrementarán globalmente as emisións de gases de invernadoiro. Ademáis do impacto que vai supoñer a construcción dun viaducto de 700 metros sobre o río Lérez, nunha das zonas máis singulares e ben conservadas do leito fluvial.
Os veciños afectados piden aos políticos sensibilidade medioambiental e empatía coa poboación do rural para frear este proxecto. A veciñanza está a defender un patrimonio que é de todos os pontevedreses e que se perdería si se leva a cabo esta autovía.
«Pedimos que veñan a coñecer a zona e que sean conta da brutalidade que supón esta obra que danará gravemente a natureza e obrigará a centos de veciños a vivir ao lado de trincheiras«, explicou Estela Eirín, voceira da plataforma. «Esta obra vai supoñer un antes e un despois para o rural de Pontevedra. Será unha condena para as novas xeracións«, según María del Carmen Tenorio, tamén voceira dos veciños.
Segundo denuncian desde a plataforma, polo o segundo tramo da A-57 suporá un investimento de máis de 100 millóns de euros, máis de 300 en total entre Barro e Vilaboa, que non resolverán os problemas de tráfico da cidade de Pontevedra.