Melloras nos accesos a varios núcleos da Pastoriza

por Redacción Lugo

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e a directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, anuncian que a Consellería do Medio Rural financiará as obras con cargo ao Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) deste ano

A Consellería do Medio Rural investirá 96.800 euros en dous proxectos que permitirán mellorar accesos aos núcleos do Alto, As Fontes e As Maciñeiras, no concello da Pastoriza.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e a directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañados do alcalde das Pastoriza, Darío Cabaneiro, anunciaron que a Administración autonómica financiará as obras con cargo ao Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) deste ano.

En canto aos traballos previstos, no núcleo do Alto rehabilitarase o pavimento coa extensión dunha capa de mestura asfáltica en quente ao longo de 871 metros dun camiño e un ramal.

Así mesmo, actuarase en algo máis de 2 quilómetros dunha vía de acceso aos lugares das Fontes e As Maciñeiras e nun ramal de 291 metros. Neste caso, faranse as reparacións precisas no firme deteriorado e realizarase un dobre tratamento superficial con grava en parte do treito.

De forma complementaria, en todos os casos limparanse as cunetas para facilitar a circulación das augas de escorrentía, co fin de evitar que se produzan danos no pavimento dos camiños.

O programa PIR, da Consellería do Medio Rural, destina en 2023 un millón de euros a financiar 18 proxectos que benefician a outros tantos concellos da provincia de Lugo. Todas as actuacións van orientadas á mellora da accesibilidade en núcleos de poboación.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario