“Pode que houbese erros e acertos, pero o que de seguro houbo foi moito traballo, ilusión e un enorme compromiso por parte de todos e todas”, sinalou a secretaria xeral sobre o balance da actividade desenvolta no ano que está a piques de rematar
A agrupación municipal socialista do PSdeG-PSOE de Ourense celebrou onte unha asemblea para presentar o traballo desenvolto ao longo de 2023 e os proxectos para o 2024 que xa se están a organizar. Tamén se aprobaron, co respaldo unánime dos presentes: o resumo de contas do ano vixente, os orzamentos para actividade do ano que vén e a modificación dos integrantes da nova Comisión Executiva Municipal (CEM), con máis áreas para afondar nas necesidades actuais.
Entre os novos nomeamentos está o de Manuel Freire Cid, que levará a secretaría de Cultura; Zaida Rodríguez Camba, como responsable da área de Igualdade; Alba Iglesias García, que se encargará da área de Urbanismo e Infraestruturas; e Nuria Rodríguez Artímez, responsable da área de Turismo e Termalismo.
Nesta liña, a secretaría de Formación e Redes divídese a partir de agora en tres: Formación (que levará María Teresa Ansias Bacelar), Redes (que levará Edith Filgueira Rodríguez) e Comunicación (que dirixirá Erica Conde Vázquez). Así mesmo, Marga Martín Rodríguez pasará a ser a presidenta honorífica, posto que non ocupaba unha muller dende o ano 2000.
Deste xeito, a executiva local acadará unha maioría feminina con 16 mulleres e 14 homes integrándoa, puidendo profundar máis incisivamente en cada un dos eidos imprescindibles para o presente e futuro do partido. «Queremos desenvolver unha acción social aparellada á política que é imprescindible nos tempos que corren e da que non podiamos seguir estando á marxe en Ourense», defendeu a secretaria xeral da formación na cidade, Natalia González Benéitez.
Amosouse agradecida a toda a militancia nun ano con máis frontes nos que traballar do habitual ao celebrarse dous procesos electorais seguidos (municipais e xerais). «Pode que houbese erros e acertos, pero o que de seguro houbo foi moito traballo, ilusión e un enorme compromiso por parte de todos e todas», sinalou.
Tamén quedou patente unha aposta clara polas Xuventudes Socialistas ao reservarse outro lugar máis para un membro novo e ao pasar a actual secretaria xeral da organización a ser membro nato, incorporándose a unha das áreas de xestión antes mencionadas.
No que atinxe ás contas da agrupación municipal: o saldo co que se rematará o ano será de case 32.000 euros e os orzamentos previstos para a actividade do 2024 superan os 55.000.
Aproveitouse durante a asemblea para lembrar ás históricas figuras do PSdeG ourensán falecidas no último ano (Modesto Seara Vázquez, Alfonso Cid Sabucedo e Lolita Suárez Bretaña). E rematou expoñendo González Benéitez que o obxectivo será seguir traballando en positivo para que «a agrupación municipal sexa noticia pola súa actividade e dinamismo e non por aburridas guerras internas» que só xeran desconfianza na cidadanía e na militancia.