O delegado territorial lembra que a Xunta leva dous anos agardando pola parcela do antigo colexio e confirma que existe dispoñibilidade orzamentaria para a redacción do proxecto
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, amosou hoxe a súa satisfacción por que o Concello de Lugo acordara «por fin a permuta de parcelas» con Afundación que fará posible que a Consellería de Sanidade constrúa o novo centro de saúde do barrio do Sagrado Corazón no lugar que ocupaba o antigo colexio.
Arias asegurou que o Goberno galego comezará a traballar no proxecto tan pronto se materialice o acordo e se poidan desprazar os técnicos para valorar as condicións do solar e das instalacións. Confirmou que existe unha partida orzamentaria xenérica -cun total de 200.000 euros- que fará posible licitar a redacción deste proxecto o vindeiro ano se se axiliza a xestión dos terreos.
O delegado explicou que o centro de saúde do Sagrado Corazón estaba previsto na fase I do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado pola Xunta en novembro de 2021, «mes no que solicitamos formalmente ao Concello a cesión dunha parcela que permitise á administración autonómica acometer a súa construción».
No mesmo sentido, confía en que agora o Concello poida ofrecer á Xunta unha parcela a cambio da do Castiñeiro «para non perder o investimento en vivenda pública que estaba previsto executar na cidade».