A iniciativa prevé unha segunda fase que dotará o parque de skate dunha cuberta, converténdoo nun referente en Galicia e a nivel nacional no marco do compromiso do Goberno galego co deporte urbano e co fomento da súa práctica
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na presentación do proxecto para a construción dun parque de skate e de tres pistas de baloncesto no complexo deportivo autonómico de Acea de Ama, en Culleredo. O presuposto das obras ascende a 2,6 millóns de euros.
No acto de presentación, que contou tamén coa presenza do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, expúxose o detalle da infraestrutura, que se licitará a comezos do vindeiro ano cun prazo de execución de 10 meses. Nela inclúese o parque de skate, que contará con espazo para as principais especialidades desta disciplina e con capacidade para acoller competicións. Sumará unha superficie de 2.700 metros cadrados. Xunto a el crearanse tres novas pistas de baloncesto, con espazo para baloncesto 3×3, e espazos de convivencia que, sumados ao parque de skate, aumentan a superficie das novas instalacións a 5.600 metros cadrados.
A iniciativa prevé a maiores unha segunda fase presupostada en case 1 millón de euros e que converterá esta infraestrutura na primeira de Galicia en contar cunha zona de skate cuberta de gran dimensión e de uso público, así como nun referente a nivel nacional. O obxectivo é facilitarlles tanto a deportistas como ás persoas afeccionadas a esta disciplina un espazo onde poder practicala sen estar condicionadas pola meteoroloxía.
Cómpre sinalar que o complexo deportivo de Acea de Ama é utilizado tanto polo público xeral como por clubs e federacións deportivas. Ocupa 164.500 metros cadrados e conta cun centro deportivo con piscinas, pistas deportivas exteriores e un parque natural.
Apoio ao deporte urbano
Diego Calvo referiuse á creación do novo parque de skate como un exemplo máis do compromiso da Xunta co deporte urbano e co fomento da súa práctica. Así, referiuse á importancia entre a xente máis nova de disciplinas como o skate, que se estrou como olímpica en Toquio e que xa contou nestes primeiros xogos cunha representante galega, Julia Benedetti.
Nesta liña de apoio, incidiu en que en 2024 se destinarán 17,5 millóns de euros á creación ou mellora de infraestruturas deportivas en toda Galicia, no marco dun orzamento récord para o conxunto do deporte galego que ascende a 56 millóns de euros.
Así, só na área da Coruña a semana pasada inauguráronse as instalacións renovadas do pavillón Agra II e na anterior licitáronse as obras en Monte das Moas. Ademais, o pasado marzo inaugurouse o pavillón de Monte Alto, tamén renovado. Todas estas actuacións supoñen un investimento de case 2 millóns de euros aos que se sumarán 500.000 máis coa próxima licitación de Elviña II.