Os informes hidrolóxicos de Ecoloxistas en Acción axudan a frear a desfeita eólica

por Redacción Galicia

Coa campaña Humidais para a Vida, Ecoloxistas en Acción leva máis de dous anos cartografiando os humidais galegos non catalogados e avaliando o seu estado. O estudio realizado pola organización ecoloxista pon de manifesto o progresivo deterioro destas zonas de tan alto valor natural e que prestan un imprescindible servizo ecosistémico as poboacións das contornas.

Para Ecoloxistas en Acción, a falta de catalogación e protección por parte de la administración galega e a ausencia de estudios hidrolóxicos e hidroxeolóxicos nos proxectos eólicos pon en serio risco, non só estes ecosistemas, senon tamén nacementos de ríos como, por exemplo, o Barcés que da de beber á cidade da Coruña.

Dende o comezo da súa campaña, Ecoloxistas en Acción leva realizados númerosos informes hidrolóxicos sobre as afeccións ás zonas húmidas galegas pola plantación de eucaliptos e pola implantación sen planificación dos parques eólicos.

O parque eólico de Legre en Oza Cesuras, o parque eólico Solpor e Monte Inxerio en Ordes, Cerceda e Mesía, o parque eólico das Encrobas en Carral e Cerceda, o parque eólico de Penizas en Forcarei ou o dao Campo das Rosas en Campo Lameiro son algúns dos proxectos eólicos que afectaban a humidais e dos que Ecoloxistas en Acción realizou peritaxes cos que reforzar a acción xudicial emprendida polas plataformas locais de veciñanza afectada.

«Tanto a campaña de Humidais para a Vida de Ecoloxistas en Acción como os informes sobre a hidroloxía feitos, para ir aos contenciosos destes proxectos eólicos, son moi potentes e de gran utilidade para a cidadanía que se vai personar nestes pleitos. Non so se evidencían as afeccións aos humidais, senon tamén ás masas de auga e a rica biodiversidade que alí se atopa. Unha ferramenta que é moi de agradecer», asegura Manuel Xermade, coordinador xurídico de Acouga.

Noutros casos, como o parque eólico de Banzas, entre os concellos de Outes Negreira e Mazaricos, é a propia organización ecoloxista a que se acude a xustiza para frear o proxecto, xa que é parque tractor doutros proxectos nunha zona que afectaría gravemente ao nacemento de distintos regos que desembocan en rede natura e que tería un impacto ambiental moi grave sobre humidais catalogados e afectaría ademais ás traídas de auga veciñais de distintas parroquias dos concellos afectados.

Brañas afectadas polo parque eólico Monte Inxerio incluidas no informe humedáis para a vida da Coruña

«Logo de facer o traballo de campo da campaña de zonas húmidas e decatarme que o noso patrimonio natural non so está sen protexer, senon que estábase a pór en risco con determinados proxectos eólicos, decidimos redobrar esforzos en realizar peritaxes hidrolóxicos e axudar á veciñanza a frear o máis dañino desta implantación sen zonificación da enerxía eólica. Para nós é fundamental visitar as zonas afectadas e encontrarnos coa veciñanza, eles son os que mellor coñecen todo aquelo que non se tivo en conta á hora de tramitar estes proxectos», declara Roberto Vilela, coordinador da campaña Humidais para a Vida de Ecoloxistas en Acción.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario