Salienta os efectos “notorios e eficaces” desta colaboración e augura que poden ser “moitos máis” ante os “retos-oportunidades” de mellorar as conexións ou levar acabo accións conxuntas en sectores clave, como as enerxías renovables
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, amosou hoxe o compromiso do Goberno galego en incrementar a “estreita relación” que existe entre Galicia e o Norte de Portugal para atraer máis investimentos a esta Eurorrexión.
Durante un almorzo organizado pola Cámara de Comercio e Industria luso-española, Rueda fixo fincapé nos efectos “notorios e eficaces” desta Eurorrexión “pioneira” en España e Europa, na que que as relacións comerciais e económicas son un dos principais motores desta cooperación transfronteriza, xa que levan décadas colaborando tamén en materias como turismo, a cultura ou a sustentabilidade.
No entanto, considerou que estas “vantaxes” da Eurorrexión para Galicia e o Norte de Portugal pode ser “moitas máis” facendo fronte os “retos-oportunidades” que se teñen nestes momentos por diante.
Conexión ferroviaria de alta velocidade
Así, para seguir avanzando e consolidando o peso da Eurorrexión, Rueda resaltou que é “urxente e necesario” un maior compromiso por parte do Goberno español para dotar a esta zona das conexións e vías de comunicación precisas para poder desenvolver unha actividade económica competitiva.
Neste sentido, demandou ao Executivo central que concrete financiación -tal e como fai o Goberno portugués- para avanzar nas obras necesarias para habilitar o tren de alta velocidade entre A Coruña e Lisboa e que acometa canto antes os traballos da saída sur en Vigo, punto clave para mellorar as comunicacións na fronteira con Portugal.
“Volvo exixir ao Goberno español que estea á altura da aposta valente e intelixente que está facendo Portugal”, reclamou Rueda, quen advertiu ao Executivo central de que cando se fala de grandes infraestruturas “a única forma de demostrar que se vai en serio é orzamentando cantidades e licitando as obras”. “E a día de hoxe no está nada nos Presupuestos Generales do Estado”, lamentou.
Máis fondos do Programas de Cooperación Tranfronteiriza
De igual xeito, considerou necesario para potenciar a Eurorrexión conseguir unha maior captación do fondos dos Programas de Cooperación Transfronteiriza. Ao respecto, valorou que se conseguiron captar “entre o 50 e o 60 por cento” para proxectos conxuntos, “pero temos que seguir perseverando máis aló”, defendeu.
Aposta conxunta polas enerxías renovables
Esta mesma colaboración estendeuna a proxectos de enerxías renovables. Neste senso, amosouse partidario dunha aposta conxunta por aqueles que teñen que ver coa eólica mariña, onde considerou que Portugal “vai por diante” e pode ser “exemplo” para Galicia de como se pode desenvolver na comunidade, compatibilizándoa sempre coa conservación dos recursos pesqueiros.
Rueda tamén fixo mención a que Galicia teña quedado fóra da rede do hidróxeno verde. “Non ten ningún sentido cando temos dous proxectos potentísimos, por valor de 250 millóns de euros”, reprobou. No entanto, amosouse convencido de que a Comunidade acabará conectada ao hidroduto, unha conexión para Galicia que considerou que a Portugal “tamén lle vai ir moi ben”.
Por último, o presidente galego referiuse á consecución do “longo tempo demandado” Estatuto do traballador transfronteirizo e avogou por dar “pasos rápidos” para avanzar na súa posta en marcha. “Espero que este ano sexamos capaces de facelo”, defendeu en referencia ao 2024, ao tempo que remarcou a súa importancia tendo en conta que afecta a 13.000 traballadores de ambas as dúas rexións.