Contribuír á competitividade e eficiencia dun estaleiro en plena transformación. Este é o principal obxectivo do Centro Mixto de Investigación UDC-Navantia, o proxecto que desde o pasado ano –foi constituído o 12 de xullo de 2022- dá continuidade ao intenso e frutífero traballo desenvolvido neste mesmo sentido no marco da Unidade Mixta de Investigación entre ámbalas dúas institucións (entre 2015 e 2021)
Durante ese período a actividade centrouse fundamentalmente no desenvolvemento de novas técnicas e tecnoloxías que permitisen, mediante a I+D+i, incrementar a competitividade do estaleiro ferrolán para aplicalo actualmente ao programa das novas fragatas F-110.
Nesta nova etapa do Centro Mixto de Investigación mantense o obxectivo, pero agora as aplicacións estenderanse á nova planta do estaleiro de Ferrol e, particularmente, á nova Fábrica Dixital de Bloques. Tres son as principais liñas de investigación: Xemelgo Dixital do Produto; Xemelgo Dixital do Proceso ou Planta; e Novos Procesos, que suman un total de once actuacións diferentes.
As enmarcadas na primeira delas refírense, fundamentalmente, á plataforma en si, tratándose particularmente pilotos do GD da estabilidade, inundación, avarías e propagación de lume e fumes no buque, para dar soporte ao proxecto das F-110.
O Xemelgo Dixital da Planta, pola súa banda, trátase mediante o desenvolvemento de pilotos na planta existente, “que sexan escalables e de aplicación na futura Fábrica de Bloques que Navantia construirá no estaleiro de Ferrol”. Finalmente, a liña de Novos Procesos tratará a dixitalización dos procesos produtivos do estaleiro, así como dos traballadores que levan a cabo os mesmos.
Todas están orientadas ao obxectivo principal do CEMI: a transformación do estaleiro de Navantia-Ferrol nun Estaleiro 5.0. Isto permitirá á compañía pública mellorar a súa competitividade, así como as prestacións dos seus produtos, incrementando o seu valor engadido e diferenciándose dos seus competidores globais.
Na actualidade, todas as innovadoras liñas están xa en marcha, “todas a velocidade de cruceiro” e moitas delas con resultados palpables. “Cremos que o resultado deste primeiro ano estivo mesmo por riba das expectativas que tiñamos”, destacan os codirectores do CEMI, Pablo Fariñas, por parte da UDC, e Rafael Morgade, por Navantia.
O CEMI, iniciativa conxunta da Universidade da Coruña, Navantia e a Xunta a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), nace co fin de dar soporte ao estaleiro público da ría de Ferrol na súa transformación cara á industria 5.0. Cun horizonte fixado ata setembro de 2025, data na que concluiría o proxecto actual do centro, conta con preto de catro millóns de euros de financiamento e arredor de 150 investigadores e profesionais implicados por parte de ambas as dúas institucións.