A Universidade da Coruña lidera os premios da II Xornada Interuniversitaria de Innovación Docente

A Xornada, que leva por título “Contextos universitarios transformadores: tecendo redes de futuro”, terá lugar na Facultade de Economía e Empresa da USC, logo de que a UDC acollese o ano pasado a primeira edición.

As universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo organizan a II edición da XIGAID, a Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente, que busca ser un punto de encontro entre docentes universitarios de toda Galicia para a xeración e difusión de ideas que permitan o avance da innovación no ámbito da educación universitaria.  

O evento terá lugar mañá, día 14 de novembro, na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, en horario de 9:30 a 18.45 horas, e a asistencia poderá ser presencial ou virtual, en ámbolos dous casos con inscrición previa a través desta ligazón.

A día de hoxe, a XIGAIS conta con xa case 300 persoas inscritas, das cales máis de 200 están participando a través da plataforma UDCAberta presentando e comentando pósters. Durante o encontro terá lugar a entrega dos premios ás mellores comunicacións, que este ano lidera en solitario a UDC:

Na liña 1, “Mellora dos procesos de ensino-aprendizaxe”, o premio é para Fernando Iglesias Amorín, docente da área de Didáctica e Organización Escolar da UDC, pola comunicación “Aprendizaxe activa na proxección de organizacións socioeducativas con TIC para o desenvolvemento da competencia dixital”.

Na liña 2, “Estratexias institucionais de innovación docente”, levarao Nuria Varela Feal, da Área de Enfermaría, como autora principal; e Javier Aznar, Úrsula Nieto e Óscar Vergara, coautores, polo póster “Literatura na aula: pensamento crítico, imaxinación moral e compaixón nos estudantes de Enfermaría”.

Na liña 3, relativa a “Diversidade, igualdade e responsabilidade social e ambiental”, o premio recaeu en Jakson Renner Rodrígues Soares, docente da Área de Organización de Empresas, como autor principal; e Rosa Maria Mariz Pérez, da mesma Área, coa comunicación “Empoderar vendas inclusivas: A colaboración transformadora entre estudantes e persoas con diversidade funcional”.

Os pósters premiados terán oco para ser presentados durante as xornadas, nas que tamén haberá diversas conferencias, debates sobre a avaliación para a mellora continua na docencia, e relatorios que compartirán experiencias docentes sobre a perspectiva de xénero, o achegamento da Física e os Polímeros á comunidade, e o “learn by doing” ou aprender facendo.

Comparte éste artículo
No hay comentarios