Con protagonistas procedentes do Cirque du Solei e medallistas olímpicos e tras o seu exitoso paso por Estados Unidos, o prestixioso Gran Circo Acrobático de China chega esta fin de semana para ser o prato forte do Nadal no Mar de Vigo
O Nadal no Auditorio Mar de Vigo encherase de maxia e soños coa chegada do Gran Circo Acrobático de China, un show cargado de acrobacias e coreografías en todas as direccións, que conta con tres únicas funcións os días 23 e 24 de decembro: o sábado ás 17.30 horas e ás 20.30 horas e o domingo ás 12.00 horas. Este é un plan perfecto para que as familias acudan a deixarse sorprender pola historia que narra este destacado espectáculo, ademais de que o tempo xuntos é o mellor agasallo para estas datas; os adultos deixarán saír ao seu neno interior e os nenos verán a súa imaxinación voar máis alto ca nunca. A destreza acrobática dos seus máis de 30 artistas en escena, entre os que se atopan medallistas olímpicos ou procedentes do Cirque du Soleil, servirán de fío condutor e base, para unha historia chea de emocións fortes que deleita os cinco sentidos. Trátase dunha historia de valentía, coraxe, sacrificio e amor. Durante os seus catro actos, o público viaxará da man dos seus protagonistas: un neno soñador atraído pola beleza e un ave fénix, que deberán resgardarse do mal, nun lugar onde só parecía haber alegría e felicidade. O Gran Circo Acrobático de China é recoñecido a nivel mundial pola súa excepcional habilidade, profesionalidade e creatividade, o que cativará á audiencia ofrecéndolles unha experiencia inesquecible, fusionando a súa encantadora narrativa con técnicas acrobáticas de vangarda e un elenco de artistas de élite. |
«El Lago de los Cisnes», da man do Gran Ballet de San Petersburgo, o 12 de xaneiro en Vigo |
A chegada deste Circo de renome segue ao éxito do ballet «El Cascanueces» o pasado domingo no Auditorio Mar de Vigo, un encontro entre o público e un clásico, unha das mellores pezas de Tchaikovsky, que o Ballet Ruso de San Petersburgo conseguiu colocar nunha cima de beleza e afagos pola súa emocionante interpretación. Foi unha ocasión perfecta para vivir en primeira persoa como a preservación da tradición, xa sexa no ballet ou no vestiario, fan desta obra unha delicia digna de ver polo menos unha vez na vida. Este evento é só o inicio dunha tempada repleta de vivencias culturais que xa se agardan como sublimes experiencias, que se estenderán ata finais de xaneiro. Dentro desta emocionante e distinguida programación próxima, o Auditorio Mar de Vigo conta cunha presenza de cinema, a da Hollywood Symphony Orchestra o 26 de decembro, que achegará ao público ás bandas sonoras máis lendarias dos compositores John Williams e Hans Zimmer, quen puxo música a películas como «Indiana Jones», «Interstellar», «Gladiator» ou «Star Wars». E non será o único encontro fílmico da tempada. O 21 de xaneiro, as músicas de cine regresan de novo con John Williams, nesta ocasión para introducirnos de cheo no universo de Harry Potter. E a música non para. O concerto tributo a Queen por The Vipers ofrecerá o 27 de decembro unha vibrante interpretación dos éxitos da inesquecible banda de rock, a que tantas veces serviu de pano de fondo para os nosos momentos máis especiais e recordos. Igual de especial será o intre que os máis pequenos da casa vivirán grazas aos espectáculos infantís que integran a programación. O de La Granja de Zenón, co seu novo espectáculo, «El Gran Gallo», o 30 de decembro será un deses encontros especiais, e contará con dous pases para que ninguén quede sen ver aos seus personaxes favoritos deste gran éxito televisivo. Doutra banda, o grupo infantil Pica, Pica convidaranos a darlle a benvida ao aninovo o 3 de xaneiro da forma máis divertida, co seu último espectáculo «Bailando». Será un evento perfecto para gozar en familia das súas novas cancións infantís e os mellores éxitos do 80s. O incrible «Gran Concierto de Año Nuevo de Johan Strauss, coa Strauss Festival Orchestra e o Strauss Festival Ballet Ensemble«, deixaranos a todos coa pel de galiña o 7 de xaneiro. Achegarémonos á experiencia de como é vivir un evento tan emblemático como o Concerto en Viena de Aninovo, cheo de clásicos que crearán un ambiente máxico e deixarán un ronsel de felicidade no público. Non será o único clásico presente nesta programación de 2024 no Auditorio Mar de Vigo, xa que conta coa magnífica obra «El Lago de los Cisnes» da man do Gran Ballet de San Petersburgo, o 12 de xaneiro. Unha cativadora historia de amor aínda máis fascinante grazas ao seu encanto, visible no coidado da tradición, o vestiario e a sobriedade e perfección das súas coreografías. Con esta programación, o Auditorio Mar de Vigo segue consolidándose como o epicentro da cultura na rexión galega, sempre ofrecendo a oportunidade de vivir experiencias novas e únicas, como as que nos esperan as próximas semanas. Esta programación pode consultarse na páxina web do Auditorio Mar de Vigo. As entradas para todos os espectáculos están á venda a través de www.teuticket.com. |