Un total de 12 puntos de interese das rutas do Camiño de Santiago na provincia de Lugo, na súa maioría igrexas, locen estes días de Nadal iluminación ornamental con motivos Xacobeos. O delegado territorial, Javier Arias, explicou que se trata dunha iniciativa da Xunta, a través de Turismo de Galicia, no marco do proxecto AcendeoCamiñodeSantiago.
Arias visitou a Catedral de Lugo, un dos monumentos do Camiño Primitivo que permanecerá iluminado ata o 8 de xaneiro, xunto coa igrexa de Santiago Apóstolo de Castroverde e a igrexa de Santa María da Fonsagrada. No Camiño de Inverno ilumínanse a Casa de Lemos (Casa da Cultura) de Chantada e a Torre da Homenaxe de Monforte de Lemos; e no Camiño Norte o mosteiro Beneditino de San Salvador de Lourenzá, a Catedral de Mondoñedo e o Parador de Vilalba.
Por último, na ruta do Camiño Francés contan coa iluminación especial as Casas do Concello de Palas de Rei e Triacastela, a igrexa de Santa María A Real de Pedrafita do Cebreiro, e a igrexa de San Nicolás de Portomarín.