O accidente acontecido onte en Melide, con dous vehículos implicados resultando un falecido e un ferido que precisou de tarefas de excarceración, puxo en evidencia unha vez máis a actitude neglixente que están a ter Xunta e Deputacións ante a prestación dos Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento.
Onte a falta de persoal nos parques de Bombeiros Comarcais, fixo que dende os Consorcio Provincial de Coruña se optara por pechar o Parque de Bombeiros de Arzúa, pero non como noutras ocasións, xa que cando isto acontecía, prestábase a atención das Comarcas de Arzúa e Melide dende o Parque de Bombeiros de Ordes, instalacións que onte tamén estiveron sen servizo por falta de persoal.
O accidente acontecido, de ter estado operativo o Parque de Bombeiros de Arzúa, teríase atendido en 12 minutos. Mais o feito de estar o seu parque de bombeiros pechado fixo que dende a Central de Atención Integral de Emerxencias 112 Galicia, mobilizaran aos profesionais do GES de Monterroso (provincia de Lugo), que con unicamente dous efectivos, solicitaron o apoio dos GES de Curtis para completar unha dotación eficiente de traballo, demorando a prestación do servizo tan só 29 minutos. Mais esta atención, non sendo tardía, foi 17 minutos maior que o que tería sido de estar aberto o parque arzuán.
Se dende o colectivo de Bombeiros Comarcais insistimos en que 3 efectivos somos totalmente insuficientes, non podemos deixar de denunciar a grande carencia de persoal que hai nos GES, máis acentuada que nos nosos servizos, con moitas menos garantías para a seguridade dos efectivos que actúan nas emerxencias e para as propias vítimas ás que atenden.
Os bombeiros comarcais queremos recordar á cidadanía que o feito de que se pechen os parques de referencia supón un agravio importante na prestación do servizo de extinción de incendios e salvamento, polo que sempre instamos ás vítimas a que denuncien xudicialmente a demora da prestación do servizo, para que os responsables de non mantelo operativo como debera, deixen de actuar con total impunidade.
O GES DE MONTERROSO XA ESTABA ATENDENDO MÁIS ÁMBITO DE ACTUACIÓN DO QUE LLE CORRESPONDÍA
A situación de desprotección que vive a cidadanía, e que por suposto descoñece, acentuábase onte ao darse a casualidade de que o GES de Monterroso, estaba xa a ter un ámbito de actuación moito maior do habitual, xa que o Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo, determinara que por falta de bombeiros, onte se pechara o parque de Chantada, cargando o GES de Monterroso cunha responsabilidade impropia, ao ter que dar cobertura a todo o suroeste da provincia, feito que se ven repetindo nas últimas datas.
Por tanto, a excarceración de onte, supuxo deixar totalmente desprotexida a gran parte da poboación luguesa mentres os dous efectivos do GES estaban a prestar dito servizo na provincia de Coruña, debido ao peche do parque de Bombeiros de Arzúa.
O Comité de Folga de Bombeiros Comarcais