Rueda destaca a importancia de habilitar ferramentas para “combater a soidade non desexada entre as persoas maiores”

por Redacción Galicia

O programa ‘Xuntos polo Nadal’ permite que 300 maiores de 60 anos pasen o Nadal en compañía en dous centros residenciais

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resalta a importancia de habilitar ferramentas para combater a soidade non desexada, especialmente entre as persoas maiores. Fíxoo estas declaracións durante unha visita aos maiores da residencia de Tempo Libre de Panxón (Nigrán) que pasan estas festas no centro grazas ao programa Xuntos polo Nadal.

Trátase dunha iniciativa que permite que este ano 300 maiores de 60 anos que viven sos poidan vivir o Nadal en compañía, realizando actividades de ocio e recibindo os coidados necesarios nas residencias de Tempo Libre do Carballiño e Panxón (Nigrán). Os usuarios poderán desfrutar dunha estadía de 15 días con pensión completa gratuíta neste centros e participar en diferentes actividades como baile, ximnasia, obradoiros de novas tecnoloxías ou excursións.

Rueda, que estivo acompañado pola conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, lembrou que Galicia conta con máis de 130.000 maiores de 65 anos que viven sos, unha situación que non sempre é por elección. Por iso, tal e como precisou, programas como este fomentan un envellecemento activo ao tempo que propician que os usuarios e usuarias desfruten en compañía destas datas.

Neste sentido, agradeceu tamén o labor dos traballadores e traballadoras e persoas voluntarias que acoden ás residencias de tempo libre da Xunta nesta época para facer que os maiores se sintan coma na casa e en familia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario