A Xunta lembra que o 80% da autovía A-6 continúa pechada ao tráfico en Pedrafita e demanda “a máxima dilixencia para completar a súa reconstrucción”

por Redacción Galicia

O Goberno galego advirte de que unha Autovía do Noroeste incompleta é un risco para a seguridade viaria e a viabilidade industrial, ademais dun lastre para o transporte e para a competitividade turística

A Xunta lembra que o 80% da autovía do Noroeste vai continuar pechada ao tráfico en Pedrafita do Cebreiro e demanda a máxima axilidade para completar a súa reconstrución. O Goberno galego advirte de que unha Autovía do Noroeste incompleta representa un risco para a seguridade viaria e para a viabilidade industrial, ademais de ser un lastre para o transporte de mercadorías e para a competitividade turística.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe no acto de visita ás obras dos viadutos da A-6 convocado polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.

Nese marco, o ministro, Óscar Puente, confirmou que mañá, día 30 de decembro, só se poñerá en servizo un dos carrís dun dos viadutos do Castro, concretamente o do sentido Madrid.

Ethel Vázquez sinalou que ese único carril da A-6 que se vai abrir ao tráfico no Castro representa tan só o 20% da autovía que perdeu Galicia hai ano e medio cando se produciu o colapso do viaduto que derivou no peche completo da vía no seu dobre sentido.

Ademais de ser unha posta en servizo parcial, a conselleira apuntou que será unha medida provisional, xa que ese carril abrirá ao tráfico coas limitacións de velocidade de 50 km/hora, situación na que se prevé que vai continuar aínda durante varios meses.

Engadiu que o tráfico de acceso a Galicia vai ter que continuar circulando pola estrada nacional, como ata o de agora, padecendo as incomodidades e os riscos que leva aparellado o desvío.

Por ese motivo, insistiu en reclamar un impulso decidido para que Galicia recupere o seu acceso polo norte a través dunha autovía completa e segura.

Segundo dixo, o comezo da recuperación da Autovía do Noroeste é un avance inicial pero neste momento é moito máis necesario centrar a atención en todo o que resta por facer, tendo en conta que é moito máis do que xa está rematado.

Ethel Vázquez asegurou que a Xunta entendeu desde o primeiro momento que o peche da A-6 era un problema de Galicia e por ese motivo tratou de colaborar nas solucións, traballando da man do goberno de Castela e León na proposta de alternativas eficaces para o desvío do tráfico e defendendo unha reconstrución paralela dos viadutos polo trámite de emerxencia.

Aínda que finalmente esta postura foi validada polo Ministerio de Transportes, lamentou que se perdeu un tempo moi valioso que tería permitido aforrar moitas incomodidades e problemas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario