Dende o colectivo de Bombeiros Comarcais quixeramos facer público que durante esta semana comezou os traballos de instalación de sistemas de videovixiancia nos parques de bombeiros dependentes dos Consorcios Provinciais de Extinción de Incendios e Salvamento.
A instalación dos sistemas de videovixiancia non foi trasladada con carácter previo á representación dos traballadores, que a día de hoxe descoñecen o motivo da colocación das cámaras e o obxecto das mesmas. “Non sabemos se buscan brindar seguridade ou supervisar os procesos de produtividade, pero o caso é que están a montar equipos que non cumpren cos preceptos que establece a lexislación, xa que as cámaras que se instalen non deben rexistrar audio, e todas elas dispoñen de micrófonos e avanzados sistemas de procesado e compresión dos arquivos de son.” manifesta José Luis Pareja, membro do Comité de Folga e que o pasado día 2 observaba como un técnico da empresa PROtel iniciaba os traballos de instalación no seu parque de Bombeiros en Ordes.
Estes equipos non poden rexistrar audio dado que segundo recorda a Axencia Española de Protección de Datos as cámaras so poderán captar imaxes dos espazos indispensables para o control laboral. En ningún caso se colocarán en zonas de vestiarios, baños e espazos de descanso dos traballadores. “Segundo Honorino Raña, tamén membro do Comité de Folga e traballador en Ordes “a primeira cámara que colocaron estaba orientada á dúas zonas de descanso: a zona de máquinas de vending e ao sofá da zona de descanso”. Segundo Ángel Moldes, presidente do Comité de Folga: “Se pretenden facer un axeitado control laboral deberan comezar por instalar as cámaras nos nosos vehículos e nos cascos dos bombeiros. Dese xeito poderían observar a realidade do noso traballo e ser máis conscientes das grandes carencias de persoal que temos, pero seguro supervisar ese traballo non é algo que lles interese”.
Os membros do Comité de Folga entenden que esta medida, que está a ser de implantación xeneralizada, é unha carta máis que están a xogar Xunta e Deputacións como ferramenta de presión no proceso negociador no que están inmersas as partes, máis cando as posturas das administracións, segundo os traballadores, non son tan aliñadas como estas pretenden trasladar.